Data de emisión: 14 outubro 2017

Arquitectura del granit. Xalet Arajol

CONSULTAR TARIFAS

Arquitectura del granit. Xalet Arajol

HISTORIA

Arquitectura do Granit. Xalet Arajol
A ruta filatélica que realiza Correos en España pola arquitectura do granito de Andorra recala o presente ano no Xalet Arajol, ao que dedica un selo, inserto nunha folla bloque, onde se mostra unha das fachadas da construción.
Nesta, pódense apreciar algunhas das principais características deste estilo arquitectónico, como a disposición dos perpiaños de granito, o seu tallado con diferentes formas e a súa disposición na fachada para lograr un efecto decorativo, moldeando de forma singular as esquinas do edificio, ademais dos arcos e linteis de portas e ventás.
Pola contra, rompe coas formas simétricas que se utilizaran ata ese momento noutros edificios, xogando neste caso cos volumes das diferentes partes do edificio, que sobresaen da fachada, así como coa disposición e a forma dos vans, utilizando indistintamente ventás simples e xeminadas rematadas por un arco ou tamén alinteladas.
O edificio, residencia da familia Arajol, é un exemplo da aplicación do estilo arquitectónico na construción de edificios cunha finalidade residencial, a diferenza doutros edificios, como hoteis e balnearios, que se construíron ao principio seguindo a moda do turismo amante da natureza e das augas termais. Este factor, xunto a outros, como a electrificación do país, que permitiu a chegada a Andorra dun gran número de canteiros de orixe española, bos coñecedores das técnicas de tallado do granito, e a contribución de importantes arquitectos, como Cèsar Martinell, Celestí Gusi, Joseph Puig i Cadafalch, Adolf Florensa e Xavier Pla, contribuíron ao desenvolvemento da arquitectura do granito entre a década de 1930 e a de 1960.
Este tipo de arquitectura, mestura de influencias doutros estilos, como o Modernismo, o Historicismo e o Novecentismo, constitúe un reflexo das transformacións socioeconómicas que viviu o Principado a mediados do século XX, que pasou de ser unha sociedade esencialmente rural a unha sociedade urbana.
O gusto e apreciación por este estilo arquitectónico permitiu a súa expansión a outras poboacións dos Pireneos, como La Seu d'Urgell, Ax-les-Thermes, Núria e La Molina.