Data de emisión: 21 abril 2017

Europa. Castell de les Bons

CONSULTAR TARIFAS

Europa. Castell de les Bons

HISTORIA

EUROPA. CASTELLS. Castell de les Bons

A impoñente torre defensiva do castelo de Sant Romà de les Bons, chamada tamén “Torre dels Moros” álzase sobre un promontorio rochoso situado no alto da vila de Les Bons, nun extremo da parroquia de Encamp.

De planta cadrada, con máis de dez metros de altura e con distintos elementos defensivos sobre os seus muros, como ventás en seteira e barbacáns, sufriu o paso do tempo que deteriorou parte da súa estrutura. Afortunadamente, foi restaurada para gozo de turistas e viaxeiros que poden empolicarse aos seus baluartes defensivos a través dunha escaleira de caracol e ollar a paisaxe que se estende dende o val de Encamp ata o paso natural cara ao val superior do río Valira del Nord, onde se encontra a parroquia de Canillo e Pas de la Casa, o único paso natural existente entre Francia e Andorra.

A torre formaba parte dun conxunto defensivo do cal só quedan os vestixios do muro perimetral e parte dun dos arcos da ponte de acceso.

A escasa documentación dispoñible e a ausencia de materiais arqueolóxicos dificultou a súa datación, a pesar do cal os arqueólogos datan a estrutura, baseándose na súa tipoloxía, entre o século XIII e XVI.

Acompañando a torre, encóntrase a igrexa de Sant Romà de les Bons, do século XII, o edificio máis emblemático do conxunto monumental do Les Bons, cuxa restauración dirixiu o historiador Pere Canturri entre os anos 1978-1979.

De estilo románico lombardo, dunha soa nave rematada por unha bóveda de canón e cunha ábsida semicircular orientada cara ao levante, no seu interior pódense ver reproducións de pinturas románicas do século XII, restos de pintura gótica do século XVI e un retablo gótico tardío. No exterior, un pórtico do século XVI dá acubillo aos visitantes que alcanzan a subir ata o templo.

O conxunto monumental de Les Bons é un bo exemplo representativo da riqueza do patrimonio histórico, artístico e monumental do Principado de Andorra.