Data de emisión: 08 novembro 2017

Nadal. Tió de Nadal

CONSULTAR TARIFAS

Nadal. Tió de Nadal

HISTORIA

NADAL. Tió de Nadal


Se hai algún recordo que resulta inesquecible do momento da infancia é o da celebración do Nadal xunto a ese ser fantástico e entrañable coñecido como Tió de Nadal. Ser máxico que habita os fogares durante as festas do Nadal, medio escondido nun recanto do salón ou da cociña, aparece de súpeto para sorpresa e xúbilo dos nenos, que o coidarán e alimentarán a base de froitas e verduras, arrouparano cunha manta para que non pase frío e, así, cando chegue o día de Nadal reúna toda a familia arredor do fogar e lles agradeza os coidados con doces, caramelos e xoguetes que son “expulsados” a golpe de bastón e ao ritmo dunha canción, “Tió, tió caga tió...”.
Esta tradición afunde as súas raíces nas comunidades rurais e en rituais pagáns nos que se veneraba o renacemento da natureza no solsticio de inverno, natureza simbolizada nun tronco de árbore que se recollía as semanas previas ao solsticio, para logo, xunto a un ritual, prenderlle lume no fogar da casa, deste xeito, o anaco de madeira ofrecía á familia como regalo a súa calor e a súa luz. Nalgúns casos, as súas cinzas eran utilizadas como amuleto protector de campos e colleitas.
Cos anos, esta tradición ancestral foise adaptando ás particularidades de cada rexión e de cada momento sociohistórico, adoptando múltiples variantes nos rituais, costumes e cancións, se ben, actualmente, é unha tradición orientada claramente á infancia, polo que o tronco se foi transformando nunha especie de animal fantástico, caracterizado cun simple rostro sorrinte, tocado por unha barretina e cuberto cunha manta que, na véspera ou no día de Nadal, “caga” regalos aos nenos.
Nos últimos anos, a tradición do “cagatió” transcendeu o ámbito doméstico para celebrarse de xeito colectivo en colexios, asociacións e mesmo en poboacións a xeito de festividade local.
É unha tradición de fondo arraigamento en Andorra e Cataluña, e abrangue tamén outras rexións, como Occitania e tamén algunhas zonas de Aragón, ademais, o Tió de Nadal recibe nomes tan diversos como Tronc de Nadal, Soca, Xoca, Cachafuòc, Tizón, Toza ou Tronca, entre moitos outros.
Ao igual que o Tió de Nadal, o presente selo alberga no seu interior unha sorpresa: a súa impresión realizouse sobre papel madeira.