Data de emisión: 17 setembro 2018

Vista d Andorra i Escaldes des dels Vilars. Josep Moscardó.

CONSULTAR TARIFAS

Vista d Andorra i Escaldes des dels Vilars. Josep Moscardó.

HISTORIA

Paisatges. Vista d’Andorra i Escaldes des dels Vilars

Dicía o célebre arquitecto Le Corbusier que a natureza se fai paisaxe cando o home a enmarca, aseveración que podemos apreciar no novo selo da serie Paisaxes. Ao enmarcado que forma o dentado do propio selo, súmaselle o marco que propicia o encadramento da obra de Josep Moscardó, do cal xorde a paisaxe nocturna que ilustra o selo. Unha paisaxe nocturna pintada ao óleo, que mostra unha vista de Andorra e Escaldes d'Engordany.

A perspectiva, tomada dende Els Vilars, mostra a poboación a través das rúas e casas que se esvaecen na noite, a medida que seguen o curso do río Valira, no centro do cadro, cuxo tortuoso leito dirixe a mirada do espectador cara aos cumios que, sombríos, parecen ameazar a poboación. Os escasos retallos de luz que salpican a escena apuntan ás ventás dos fogares, que apraciblemente transitan ao comezo da noite.

A obra inscríbese dentro dunha arraigada tradición postimpresionista tomada dos máximos expoñentes coloristas da pintura catalá do século XX, como Joaquín Mir, Josep Amat ou Ramón Sanvisens, ademais de conter referencias fauves. A súa pintura penetra na complexidade da cor e a luz tanto en atmosferas de día como de noite. Fiel ao natural, móstranos unha visión optimista da súa contorna e das súas viaxes, cunha pintura que se mostra expresiva e dialogante, intelixible, aberta á presenza da figura e da paisaxe urbana.

Josep Moscardó realizou os seus estudos na Escola de Belas Artes Sant Jordi e na Escola da Llotja de Barcelona. Ademais da pintura, traballou tamén a escultura e a obra gráfica. É dos poucos artistas que aínda pintan ao natural e captan a poética do cotián. Xunto a estas escenografías e panorámicas de considerable magnitude, tamén traballou temas de interior, escenas de café e estudos de figura.

Ao longo da súa traxectoria, recibiu varios premios tanto en España coma en Francia, e a súa obra foi exhibida en numerosas exposicións realizadas en todo o mundo.