Data de emisión: 12 febreiro 2021

Cultura Popular. Arlequins de Canillo. Principat d´ Andorra»

CONSULTAR TARIFAS

Cultura Popular. Arlequins de Canillo. Principat d´ Andorra»

Historia

CULTURA POPULAR. Arlequins de Canillo

A festividade do Entroido que se celebra na parroquia de Canillo ten como protagonistas uns personaxes chamados arlequíns que, ataviados de xeito estrafalario e de vivas cores, percorren a poboación ao ritmo da música e botando papeis picados.

Descoñécese a orixe desta tradición, pero grazas a fotografías e a outros documentos, pódese rastrexar ata principios do século XX, cando, segundo a opinión máis xeneralizada, foi importada por traballadores de Canillo que tiveron que emigrar a Francia.

Na súa orixe disfrazábanse unicamente os homes, cuns vestidos que se confeccionaban nos fogares a base de retallos de distintas formas e cores que se cosían sobre un pixama ou roupa de cor clara, sobre os que á súa vez, se engadían flores e axóuxeres. Noutrora, un sombreiro plano de cor branca remataba o atavío. Atábanse grandes axóuxeres nos nocellos e na man portaban unha fusta que a facían estalar ao ritmo das cancións. Unha carauta de malla metálica ou pintada cubría a faciana, completando deste xeito o disfrace de arlequín.

Na actualidade, unha carapucha substitúe o sombreiro, a maquillaxe á máscara e en vez de usar a fusta, botan papel picado e fariña.

Os arlequíns podían aparecer en calquera momento da celebración, aínda que a súa aparición principal sucedía despois de colgar o Carnestoltes, o rei do Entroido, e comezaban a desfilar polas rúas da parroquia. Organizados en grupos, percorrían as rúas de casa en casa, para “roubar l'olla”, e convidar todos aqueles que se quixesen sumar ao desfile.

Na actualidade, é unha tradición singular e participativa, que prosigue entre pequenos e mozos que gozan percorrendo Canillo sobre carrozas, e que dende 2010 está considerada como unha mostra cultural protexida, clasificada como Festa de Interese Cultural.