Data de emisión: 14 outubro 2005

América UPAEP

CONSULTAR TARIFAS

América UPAEP

HISTORIA

A serie América UPAEP -que anualmente emiten cun tema en común os países membros da Unión Postal das Américas España e Portugal- está dedicada nesta ocasión á Loita contra a pobreza.

Datos oficiais sinalan que cerca de 1.100 millóns de persoas sobreviven en estado de extrema pobreza, con menos dun dólar ao día. As rexións máis deprimidas sitúanse na África Subsahariana, Asia do Sur e Asia Oriental, América Latina e zona do Caribe. A campaña de sensibilización para loitar contra a pobreza iniciouse no ano 2000, cando a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou, co apoio de 189 xefes de Estado e de Goberno, os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), polos que se comprometían a alcanzar antes de 2015 oito importantes propósitos: a erradicación da pobreza extrema, lograr a educación primaria universal, promover a igualdade entre o home e a muller, reducir a mortalidade infantil, mellorar a saúde materna, combater a SIDA e outras enfermidades, asegurar a sostibilidade medioambiental e crear unha asociación mundial para o desenvolvemento. Non obstante, este compromiso parece inalcanzable na data prevista e para facer presión sobre os mandatarios máis poderosos do mundo (G-8) tiveron lugar, este ano, mobilizacións e encontros para pedir que se cumpran os obxectivos sinalados. Nesta liña de axuda aos necesitados enmárcase o Chamamento Mundial de Acción Contra a Pobreza, unha ampla coalición internacional que conta co apoio de Nelson Mandela e outros Premios Nobel da Paz. Esta coalición representa a máis de 150 millóns de persoas de máis de 70 países e nela participan partidos políticos, organizacións sindicais, organizacións non gobernamentais, asociacións humanitarias, civís, sociais e relixiosas sen discriminación de ideoloxías nin tendencias, sempre unidos baixo unha banda branca como símbolo internacional da loita contra a pobreza. No selo, a loita contra a pobreza represéntase por unha alegoría que recolle un conxunto de mans sobre un fondo azul que simbolizan: a educación por medio dun lapis; o traballo por unha ferramenta; os alimentos a través dun anaco de pan e, finalmente, dúas mans abertas como receptoras. O deseño é obra de Enrique J. Carrero, pintor e escultor xa coñecido nos medios filatélicos por ser autor doutras emisións de selos e logotipos de exposicións filatélicas.