Data de emisión: 28 abril 2005

Año Mundial de la Física

CONSULTAR TARIFAS

Año Mundial de la Física

HISTORIA

O 2005 foi declarado pola Unesco Ano Mundial da Física, ao cumprirse o centenario da publicación das grandes teorías de Albert Einstein, que cambiaron por completo o rumbo da ciencia. O correo español, do mesmo xeito que moitos outros correos do mundo, conmemora este acontecemento coa emisión dun selo autoadhesivo que reproduce o logotipo oficial do Ano da Física, cuxa representación gráfica corresponde ao cono da luz e á famosa fórmula desenvolvida polo xenio de E = mc2

Corría o 1905 e o mozo físico alemán Albert Einsten —que na súa nenez dera mostras de atraso na aprendizaxe da lectura e na retención de datos— publicaba, na prestixiosa revista científica Annalen der Physik, unha colección de artigos sobre a teoría da relatividade especial ou restrinxida, a teoría cuántica (efecto fotoeléctrico) e o movemento browniano que, cunha claridade e lóxica absoluta, derrubaban as bases da física coñecida e daban paso a unha nova concepción da ciencia. A relación masa-enerxía quedaba expresada na célebre ecuación de E = mc2, que relaciona a masa (m) dun corpo coa súa enerxía (E), sendo (c) a velocidade da luz no baleiro. Naquel momento o autor, de tan só 26 anos, ignoraba o poder descomunal que se escondía nesa fórmula que revolucionou profundamente a visión do universo. A súa aplicación abrangue dende as armas atómicas e nucleares ata fins médicos, sociais e tecnolóxicos. Nos anos posteriores, Albert Einstein (Alemaña 1879-Estados Unidos 1955) foi profesor extraordinario nas universidades de Zurich, Praga e Berlín. En 1916, publicou a súa teoría da relatividade xeral e en 1921 recibiu o Premio Nobel de Física polo estudo do efecto fotoeléctrico. Debido á súa ascendencia xudía, en 1933 tivo que abandonar Alemaña coa chegada de Hitler ao poder e, logo de pasar por París e Bélxica, nacionalizouse nos Estados Unidos. Recoñecido por toda a comunidade internacional, manifestouse publicamente sobre os grandes problemas da súa época e loitou contra o nazismo e as armas nucleares, demostrando sempre gran sinxeleza e bondade. O Ano Mundial da Física pretende promover o interese dos mozos no estudo desta materia e divulgar a importancia e a repercusión da física nos distintos ámbitos da vida cotiá.