Data de emisión: 04 xullo 2005

CASTILLOS

CONSULTAR TARIFAS

CASTILLOS

HISTORIA

Outra serie que ve ampliado o seu número de selos é esta dedicada a Castelos, que agora se ocupa de dar a coñecer os de Alcaudete (Jaén), Valderrobres (Teruel) e Molina de Aragón (Guadalajara).

No extremo oeste da bisbarra de Serra Sur está enclavado o concello xienense de Alcaudete. Nas súas proximidades, dominando sobre un cerro escarpado, aparecen as murallas e as esveltas torres do seu alcázar árabe, entre as que destaca a súa erguida torre da homenaxe. Esta fortaleza, de planta poligonal, famosa durante a época califal pola súa difícil accesibilidade e estratéxica situación, foi de titularidade moi disputada entre cristiáns e musulmáns, pois, dende que fora reconquistada por Afonso VI en 1085, en séculos posteriores, foi cedida por Fernando III, o Santo, ao rei mouro de Baeza, logo á Orde de Calatrava e, en períodos intermitentes, pertenceu aos nazarís, ata ser reconquistada de novo por Afonso XI en 1340. Este castelo, reconstruído entre os séculos XIII-XIV pola Orde de Calatrava, no século XVI, cando ao señor de Alcaudete se lle concedeu o título de conde, acadou xunto coa Vila o seu máximo esplendor. O selo reproduce a fachada principal do castelo declarado monumento histórico en 1985.

Sobre unha elevación, dominando a poboación guadalaxareña de Molina de Aragón, sitúase a súa alcazaba baixomedieval. Conxunto formado por dous recintos amurallados en cuxo interior se ergue o seu castelo. Alcázar de orixe árabe e señorío de reis casteláns, concluíuse grazas a dona Blanca de Molina. Escenario dende a Idade Media de múltiples contendas: guerras da Independencia e Carlistas, ademais de refuxio do Empecinado, as súas torres de Armas, Cuberta, de Veladores e da Homenaxe e murallas perduraron malia o paso dos séculos. O selo amosa unha imaxe do seu recinto amurallado e torres.

Na comarca de Matarraña, ao nordeste da provincia de Teruel, atópase a localidade de Valderrobres, cuxo castelo actual foi erixido no século XIV. Serviu de residencia a familias nobres, bispos e raíñas, e incluso foi sede ocasional das Cortes de Aragón nas que tivo especial protagonismo en 1429 o rei Afonso V. De planta hexagonal irregular, construído en tres niveis, con salas arredor dun patio e ventás e arcos na súa fachada principal e laterais, esta fortaleza é unha das máis grandes e suntuosas do gótico civil. Do castelo, que foi declarado monumento nacional en 1931, reprodúcese unha panorámica da súa fachada en perspectiva.