Data de emisión: 20 setembro 2005

Deportes.- Campeonatos del Mundo de Ciclismo. Madrid 2005

CONSULTAR TARIFAS

Deportes.- Campeonatos del Mundo de Ciclismo. Madrid 2005

HISTORIA

Coincidindo co Campionato do Mundo de Ciclismo, que este ano se celebra na capital de España entre os días 20 e 25 de setembro, ponse en circulación un selo de Correos que conmemora este evento deportivo.

O Campionato do Mundo de Ciclismo celebrouse por primeira vez en Nürburgring (Alemaña), en 1927 e, ao longo deste tempo, consolidouse como unha das competicións máis importantes desta modalidade deportiva. España, cunha gran traxectoria ciclista, foi sede do campionato en varias ocasións. O primeiro encontro tivo lugar, en 1965, no antigo circuíto automobilístico de Lasarte (Guipúscoa); en 1973 celebrouse en Montjuic (Xirona); en 1984 en Barcelona; en 1992 en Benidorm (Alacante) e, finalmente, en 1997 en San Sebastián. Este ano o noso país volve ser sede organizativa e durante os seis días que dura a competición as rúas de Madrid acollerán as cadeas de TV, medios de comunicación e afeccionados ao ciclismo chegados de distintos lugares do mundo. O circuíto do mundial 2005, aprobado pola UCI (Unión Ciclista Internacional), establece que as probas en ruta se celebrarán no eixe principal do Paseo de la Castellana, pasando pola Dehesa de la Villa e a avenida do Cardeal Herrera Oria, onde os participantes farán un percorrido total de 276,9 Km, a través de 13 voltas de 21,3 Km. As probas contra reloxo disputaranse na Casa de Campo. Moitos son os nomes españois que luciron a camiseta coas cores do arco da vella e subiron ao podio dos gañadores. A primeira medalla de prata para o ciclismo español chegou en 1935, na cidade belga de Florete, da man de Luciano Montero. Desde entón, os éxitos repetíronse en numerosas ocasións e entre os medallistas máis recentes figuran Óscar Freire, tres veces campión do mundo; Miguel Indurain, con medallas en todas as modalidades; Abraham Olano, dúas veces campión; Igor Astarloa e Alejandro Valverde, medallas de ouro e de prata, respectivamente. Tamén o ciclismo feminino vive os seus momentos de gloria desde que no campionato celebrado en Hamilton (Canadá), en 2003, a española Joane Somarriba conseguiu a primeira medalla de ouro en contra reloxo; dous anos antes, Dori Ruano alzábase coa primeira medalla de bronce, da mesma modalidade, en Lisboa. No selo reprodúcese o logotipo do Campionato do Mundo UCI-2005.