Data de emisión: 25 febreiro 2005

JUVENIA 2005

CONSULTAR TARIFAS

JUVENIA 2005

HISTORIA

A Exposición Nacional de Filatelia Xuvenil, Juvenia 2005, cumprindo a súa cita bienal, celebra entre os días 25 de febreiro e 5 de marzo unha nova edición, xa a XIX, nesta ocasión na poboación barcelonesa de Tordera. Coincidindo coa súa inauguración, emítese un selo que reproduce o campanario da igrexa de Sant Esteve.Juvenia, como a súa propia denominación suxire, é un acontecemento dirixido especialmente á mocidade, xa que nela están as bases do futuro coleccionismo filatélico. Esta edición está organizada pola Agrupación Filatélica de Tordera. En Juvenia 2005 concorren preto dun centenar de coleccións filatélicas de mozos e mozas con idades comprendidas entre 13 e 21 anos, de toda España e de países veciños, como Portugal e Francia. Conta con seis xurados, que valorarán as distintas coleccións presentadas. No marco deste acontecemento terán lugar diversos actos culturais: cursos, obradoiros filatélicos, música e teatro, ademais dun Encontro de Delegados de Xuventude, procedentes de Italia, Francia, Portugal, Bélxica, Holanda e Luxemburgo. Ao finalizar esta XIX edición, presentarase a próxima de Juvenia 2007, que se celebrará na poboación rioxana de Calahorra.O concello barcelonés de Tordera, que lle debe o seu nome ao río que atravesa a localidade, está situado na comarca do Maresme. Posúe un dos territorios máis extensos da comarca. Parte da súa extensión está ocupada polo Parque Natural do Montnegre. A súa economía fornécese da agricultura, de fábricas de materiais de construción, de téxtiles e de alpargatas. Garda do seu pasado histórico-artístico un castelo medieval chamado de Comte de Valltordera e a igrexa de Sant Esteve, ademais doutros monumentos, como as igrexas de Sant Pere Riu, Sant Llop d´Hortsavinyà, a capela de Sant Ponç e as ruínas do mosteiro de Roca-rossa, todas localizadas en áreas do seu contorno. Precisamente, o selo ilústrase cunha vista da torre de Sant Esteve, construída en tres tramos, un inicial románico do século XI e os dous restantes de séculos posteriores, mentres que o último é do século XVI. No selo, como logotipo, aparece un tordo que se constitúe en símbolo da cidade de Tordera.