Data de emisión: 14 febreiro 2005

PARA LOS NIÑOS. CANCIONES Y CUENTOS POPULARES

CONSULTAR TARIFAS

PARA LOS NIÑOS. CANCIONES Y CUENTOS POPULARES

HISTORIA

Cancións de berce, oracións, xogos, contos, adiviñas e panxoliñas conforman todo un rico legado oral popular que se vén transmitindo de maneira directa de pais a fillos, perdurando e orixinando un inxente patrimonio de folclore infantil, co que moitas xeracións aprenderon a cantar, a ler, a recitar e a escribir. Grazas á transmisión oral, aos folcloristas, informantes e recompiladores, a tradición segue viva. As composicións líricas, pola súa propia musicalidade de recitación, pola súa graza e fácil aprendizaxe, logran gran número de adeptos entre a poboación infantil. Isto axuda a asegurar a súa continuidade. Inquietude da que participaban tamén aqueles estudosos que desde o século XVII comezaron a recompilar e a estudar o folclore poético.Non esquezamos que a música debe formar parte dos xogos dos nenos. O ritmo combinado coas letras contribúe, en gran medida, a que o neno desenvolva destrezas de linguaxe. Está comprobado que as cancións infantís unen as xeracións. De feito, cando os nenos traen cancións aprendidas do colexio, ao final acaban interpretándoas cos pais. De igual maneira, os contos infantís sonlle de grande axuda á infancia, pois non hai nada mellor que os contos para estimular a imaxinación e a fantasía nos nenos. Se das cancións diciamos que unen a xeracións, a lectura dun conto a un neno ten a vantaxe para o adulto de ganar a súa confianza, complicidade e participación. Coa lectura de contos estase potenciando a súa imaxinación e creando lazos de afectividade. Correos e a filatelia, con esta emisión dun miniprego de oito selos, denominado Para os nenos. Cancións e contos populares, queren agora rememorar aquelas cancións e contos populares máis coñecidos. Deste xeito, sen dúbida, nos maiores conseguirá recuperar do esquecemento vellas nostalxias e nos mozos e cativos provocará o seu interese e incluso incitará a cantar as cancións ou a recitar os contos. Isto é posible porque o miniprego inclúe a letra dalgunhas das cancións, como: Los pollitos, Para entrar en clase, Al levantar una lancha, El patio de mi casa e Estaba la pájara pinta; así como a cantilena Aquí te espero, a oración Cuatro esquinitas e a panxoliña Pero mira cómo beben. Os selos, con valores de 0,28, 0,53 e 0,78 euros, aparecen belamente ilustrados pola pintora Raquel Fariñas, artista que interpretou a súa temática e expresou o seu estilo desde unha figuración inxenuísta, rica en minuciosidade de detalles e en cromática.