Data de emisión: 13 xuño 2005

PARADORES DE TURISMO.- Parador de Oropesa

CONSULTAR TARIFAS

PARADORES DE TURISMO.- Parador de Oropesa

HISTORIA

A serie denominada Paradores de Turismo amplíase este ano co selo dedicado ao parador de Oropesa, situado na vila do mesmo nome, na provincia de Toledo.

Pouco se sabe da historia antiga de Oropesa, á que algúns autores lle atribúen unha orixe grega, pero o que parece certo é que o rei Enrique II de Castela lle doou estas terras -cun vello castelo, as súas aldeas e termos- a García Álvarez de Toledo en recompensa polos servizos prestados. A principios do século XV, os novos condes de Oropesa construíron sobre a antiga fortaleza o chamado pazo vello, conservando a altiva torre central ou torre da homenaxe e as torres extremas. Un século máis tarde, a edificación ampliouse coa construción dun pazo de planta rectangular de estilo renacentista español. Este fermoso conxunto -metade castelo, metade pazo- foi declarado monumento nacional en 1923, e en 1930 converteuse en parador de turismo, pasando a ser o segundo da extensa rede de paradores que existe na actualidade. Dende o parador de Oropesa, situado no alto dun outeiro, contémplase unha bela paisaxe de suaves cotarelos, cos trigais e arboredos de Campo de Arañuelo, que contrasta coa Serra de Gredos, ao lonxe, e os seus altos picos case sempre nevados. Na fachada, de sólida cachotería, aprécianse máis de cen balcóns, fiestras e xanelas; e no interior, espazosas salas, chans de ladrillo vidrado, escalinatas, patios, corredores e estancias. Todo isto complétase con nobres artesoados gótico-mudéxares no comedor e nas súas salas, onde se pode degustar o menú típico da cociña toledana, como as migas de Arañuelo, a perdiz escabechada e os produtos de temporada. Igual que noutros paradores de turismo, na decoración non faltan huchas, lámpadas, cortinas e mobiliario de época, así como algunha talla barroca. Os paradores de turismo creáronse arredor de 1920 por iniciativa do marqués De la Vega Inclán, primeiro promotor do turismo español, rehabilitando vellos castelos, conventos, pazos e mosteiros. O primeiro foi o de Gredos, inaugurado polo rei Alfonso XIII en 1928. No selo reprodúcese unha vista do patio interior do parador de Oropesa, motivo desta emisión.