Data de emisión: 14 outubro 2006

AMÉRICA UPAEP

CONSULTAR TARIFAS

AMÉRICA UPAEP

HISTORIA

Os países membros da Unión Postal das Américas, España e Portugal (UPAEP), que anualmente poñen en circulación un selo cun tema en común, dedican a emisión deste ano ao Aforro de enerxía; un tema co que se quere concienciar á sociedade de que as fontes de enerxía se esgotan, que hai que proceder ao aforro enerxético e que son necesarias a busca e promoción de novas enerxías renovables.

O modelo enerxético actual, baseado en combustibles fósiles, esgótase, e as chamadas novas enerxías teñen aínda un impacto limitado, o que fai temer que nun futuro, que non está moi lonxe, os recursos enerxéticos existentes non sexan suficientes para manter o nivel de actividade necesario para a humanidade. Por este motivo, faise un chamamento xeral ao aforro enerxético, tanto de forma individual como comunitaria, que debe ser aplicado no fogar, nos lugares de traballo, na utilización racional dos vehículos particulares e dos medios de transportes públicos, así como en calquera outra actividade da vida cotiá.

Ao aforro de enerxía úneselle a eficacia enerxética, que supón un maior rendemento tecnolóxico, e a redución das emisións de CO2 e doutros gases de efecto invernadoiro, que pola súa vez diminúen a contaminación e o quentamento do planeta; un problema ao que cada día é máis sensible a sociedade.

As chamadas enerxías renovables ou alternativas preséntanse como novas áreas de investigación e desenvolvemento para facer fronte ás reservas limitadas dos combustibles tradicionais do carbón e do petróleo. A enerxía solar, eólica, hidráulica e a biomasa perfílanse como novas fontes de enerxía consideradas, pola súa vez, menos contaminantes e máis respectuosas co medio. A elas faise alusión con este selo que os países membros da UPAEP emiten baixo o mesmo tema