Data de emisión: 08 xuño 2006

ARQUITECTURA

CONSULTAR TARIFAS

ARQUITECTURA

HISTORIA

Emítense seis selos sobre Arquitectura entre os que figuran a Casa Batlló (Barcelona), o Teatro Campos Elíseos (Bilbao), o Vapor Aymerich, Amat i Jover (Terrassa, Barcelona), o Depósito de Augas (Albacete), o Auditorio Alfredo Kraus (As Palmas de Gran Canaria) e a Estación de Autobuses (Casar de Cáceres).

A Casa Batlló de Barcelona, obra modernista do arquitecto Antonio Gaudí, cuxo proxecto e construción datan de 1904-1906, foi construída por encargo do empresario téxtil Joseph Batlló. A súa fachada está conformada por fragmentos de vidro e cerámica combinados con pedra arenisca. Nela predominan as formas onduladas, inspiradas na natureza. O edificio está coroado por unha cruz de porcelana. Os balcóns son de ferro fundido e as columnas da súa galería recordan formas óseas. Gaudí deseñou ademais a escaleira e todas as estancias do seu interior, incluído o mobiliario, as lámpadas e portas. Este selo, gravado por Alfredo Adán de Oro, da FNMT-RCM, obtivo o Premio ao "Mellor selo calcográfico 2006-2007" outorgado pola Government Postage Stamp Printers' Association (GPSPA).

O Teatro Campos Elíseos de Bilbao, un dos exemplos máis relevantes da Art Nouveau no País Vasco, construíuse entre 1901-1902. Xurdiu como froito da colaboración dos arquitectos Alfredo Acebal e Jean Batiste Darroquy. O primeiro ocupouse dos aspectos técnicos e o segundo da decoración. O delicado traballo de ornamentación da súa fachada, de corte naturalista, onde abundan presenzas de formas animais e vexetais, vese enriquecido con aplicacións cerámicas de Daniel Zuloaga e forxa de formas curvilíneas. Elementos decorativos todos dispostos en torno a un gran arco de ferradura de resonancias orientalistas. O seu interior está en consonancia coa súa fachada. Este edificio foi rehabilitado entre 1995-1997.

O Vapor Aymerich, Amat i Jover é un edificio que data de 1909. Exemplo da arquitectura industrial de Cataluña e unha das edificacións fabrís máis fermosas de Europa, foi construído por Lluís Muncunill, un dos arquitectos claves do modernismo. Do edificio, hoxe convertido en Museo Nacional da Ciencia e da Técnica, destacan as súas naves e cheminea de 43 m de altura, ademais dunha máquina de vapor de 1897.

O Depósito de Augas de Albacete, tamén coñecido como Depósitos do Sol, foi convertido en Biblioteca. Consta o conxunto dun fermoso edificio circular, o que era o depósito, coroado por unha cúpula que está previsto garde no seu interior máis de 60.000 libros, e dunha torre de 34 m de altura cuxo deseño suxire unha cheminea. O conxunto foi rehabilitado en 1994.

O Auditorio Alfredo Kraus das Palmas de Gran Canaria, obra do arquitecto Óscar Tusquets, foi inaugurado en 1997. Situado nun extremo da praia das Canteiras, é unha edificación singular con catro fachadas decoradas polo escultor Juan Bordes. O edificio cumpre unha dobre función: a de Auditorio e a de Palacio de Congresos. O conxunto leva o nome do célebre tenor grancanario Alfredo Kraus.

A Estación de Autobuses de Casar de Cáceres é obra de Justo García Rubio, terminada en 1992. É un bucle de formigón branco, con unidade construtiva, material e estrutural, cuxas formas xeométricas e cor van acorde coas construcións da vila. Os selos reproducen perspectivas das fachadas e dos edificios.