Data de emisión: 09 maio 2006

CENTENARIOSV Centenario de la llegada de la familia Tassis a España

CONSULTAR TARIFAS

CENTENARIOSV Centenario de la llegada de la familia Tassis a España

HISTORIA

Os Tasso, Tassis ou Taxis, apelido recibido pola mesma familia dependendo das épocas e dos países nos que se estableceron, dirixiron e organizaron o correo en gran parte de Europa durante séculos. Orixinarios da Lombardía italiana, chegaron a España co reinado de Xoana I de Castela e Filipe o Fermoso. No V Centenario do establecemento desta familia no noso país, a filatelia conmemórao coa emisión dun selo no que aparece, en primeiro termo, un correo a cabalo portando as noticias vidas desde outros puntos do imperio. Se xa cos Reis Católicos houbo un interese especial por establecer relacións postais máis frecuentes e uniformes en todos os seus territorios, foi con Filipe o Fermoso, e debido á influencia exercida polo seu país de orixe, con quen se fixo unha organización máis completa do servizo de correos. En 1505, Francisco de Tassis, que xa exercía de correo maior para o emperador Maximiliano I, recibiu o encargo de establecer as comunicacións postais entre España, Francia, os Países Baixos e Alemaña. O 19 de maio de 1506, Francisco de Tassis e o seu sobriño Simón foron nomeados mestres de postas por Dona Xoana e Filipe “pa (para) traer e llebar las cartas e enboltorios e pliegos .. en las Cibdades e villas e logares destos mys Reynos ....” A relación cos Tassis consolidouse con Carlos I, quen en 1516 asinou un convenio para regular o establecemento de postas ao servizo do emperador en todos os seus territorios. No convenio establecíase o tempo que haberían de empregar en facer o percorrido, así de Burgos a Bruxelas fixouse unha duración de sete días no verán e oito no inverno. Pola súa parte, o rei comprometíase a obter paso franco para os seus correos polos distintos territorios que atravesaran, facilitándolles cabalos e víveres para que non sufriran dilación e decretando que en cada parada de postas houbera, polo menos, dous cabalos de reposto. O oficio resultaba rendible. O correo outorgábase en réxime de monopolio e o emperador debía de pagar anualmente 11.000 ducados de ouro, dos cales 6.000 se pagaban en España. En 1518 concedéuselles a nacionalidade española.A organización do correo e das infraestruturas necesarias para o seu bo funcionamento daban os primeiros grandes impulsos cos Tassis, que exerceron o monopolio postal ata 1622. Implantaron o uso do corno postal (chamado posteriormente cornamusa) para avisar da chegada dos correos e a cor amarela como identificativa da maior parte dos correos do mundo.