Data de emisión: 20 abril 2006

DIARIOS CENTENARIOS

CONSULTAR TARIFAS

DIARIOS CENTENARIOS

HISTORIA

Correos pon en circulación cinco novos selos, dentro da emisión denominada Diarios Centenarios, dedicados ao Diario de León, Diario de Pontevedra, Levante-El Mercantil Valenciano, Diario de Ávila e El Norte de Castilla, periódicos que superaron máis de cen anos de existencia. Os selos están ilustrados coas cabeceiras de cada xornal e con motivos alusivos ao centenario, ademais de logotipos e panorámicas de monumentos relativos á cidade na que aparecen. Esta emisión vén ampliar en número a xa abundante serie temática de Diarios Centenarios que conta con 17 valores xurdidos en anos anteriores. Selos cos que Correos mostra o seu recoñecemento á constancia e ao labor informativo destes diarios. O pasado día 3 de febreiro cumpriu o Diario de León o seu primeiro século de existencia xa que foi fundado en 1906 co patrocinio do bispo Sanz Sarabia. A publicación experimentou unha importante modernización na década dos 70. Pertence este xornal desde 1997 á Corporación Voz de Galicia, o que se traduciu nunha maior aposta polo comarcal, interese que plasma nas páxinas dos suplementos semanais. O xornal dixital creouse en 2002.

O Diario de Pontevedra chega ao lector desde o 13 de xullo de 1889, con algunhas interrupcións temporais de tirada. Tras os diversos momentos de crise, o periódico foi reflotado en abril de 1968 por unha sociedade cooperativa creada polos seus propios traballadores. A finais dos 90 foi adquirida a súa cabeceira polo Grupo El Progreso de Lugo que ampliou e mellorou a súa edición.

O periódico El Mercantil Valenciano, outra publicación de orixe decimonónica, xurdiu o 24 de outubro de 1872. Tras ser incautado en 1939, apareceu nos seus talleres o diario Levante que lle deu continuidade. O periódico Levante-El Mercantil Valenciano recuperou a súa anterior cabeceira e pertence ao Grupo Editorial Prensa Ibérica que se ocupou tanto da súa modernización tecnolóxica como do cadro de persoal.

O Diario de Ávila apareceu o 24 de novembro de 1898. A comezos de 1925 xestionouno a Editorial Católica Abulense. En maio de 2002, tras producirse un importante cambio no conxunto de accionistas, foi adquirido polo Grupo PROMECAL que levou a cabo diversas renovacións no xornal.

El Norte de Castilla, outro diario de fundación decimonónica foi creado o 17 de outubro de 1856 en Valladolid. Periódico por excelencia de Castela e León, de vocación informativa rexional, conta con cinco edicións diarias na súa autonomía.