Data de emisión: 01 setembro 2006

EFEMÉRIDES

CONSULTAR TARIFAS

EFEMÉRIDES

HISTORIA

Coa serie Efemérides ponse en circulación un selo de Correos dedicado a conmemorar o XX Aniversario do Establecemento de Relacións Diplomáticas España-Israel.

O 17 de xaneiro de 1986 asinouse na Haia o acordo entre España e Israel polo que se establecían relacións diplomáticas entre ambos os dous países. Poñíase fin, así, a un anacronismo histórico orixinado pola expulsión dos xudeus de España en 1492 e que tras a creación do Estado de Israel, en 1948, aínda permanecían distanciados. Desde a restauración da democracia no noso país, entre os obxectivos trazados pola política de Estado figuraban a ampliación de relacións coa comunidade internacional, entre cuxos países se encontraba Israel. Durante estas dúas décadas de diplomacia, España deu mostras de interese por todo o concernente aos países da zona. Recentemente, en novembro de 2005, Barcelona acolleu o Cumio Euromediterráneo, que deu lugar a unha maior comunicación entre a Unión Europea e os países do sur do Mediterráneo. No selo reprodúcese unha imaxe que combina a modernidade e a historia. A modernidade móstrase co Santuario do Libro, que forma parte do Museo de Israel, en Xerusalén. Este museo foi inaugurado en 1965 e é unha expresión da arquitectura moderna. A súa estrutura simula as tapas dos cántaros de arxila onde se encontraron os famosos Manuscritos do Mar Morto, que se conservan no museo. Estes documentos foron descubertos entre 1947 e 1956 nunha cova situada nas beiras do devandito mar e forman unha colección de 850 manuscritos escritos en varias linguas (80 por cento en hebreo, 19 por cento en arameo e o resto en grego) que ofrecen información sobre os primeiros xudeus. O aspecto histórico do selo represéntase por un capitel de forma troncopiramidal invertido, decorado con curvas estriadas que se entrecruzan, do século XIII, procedente do convento da Misericordia de Palma e conservado no Museo de Mallorca. Este museo alberga unha importante colección artística da historia de Mallorca, onde a comunidade xudía deixou unha pegada indeleble.