Data de emisión: 08 novembro 2006

EFEMÉRIDES50 aniv. inauguración del servicio de la Televisión en España

CONSULTAR TARIFAS

EFEMÉRIDES50 aniv. inauguración del servicio de la Televisión en España

HISTORIA

Entre as efemérides recordadas este ano pola filatelia, non podía faltar a emisión dun selo dedicado ao 50 Aniversario da Inauguración do Servizo de Televisión en España.

Se xa na segunda metade do século XIX os investigadores dos países máis avanzados comezaron a realizar as primeiras experiencias de transmisión de imaxes, non sería ata moitos anos máis tarde cando a televisión se fixo realidade. O vocábulo francés télévision foi utilizado por primeira vez polo ruso Constantin Perskyi durante o Congreso de Electricidade que tivo lugar en París en 1900. O termo foi adoptado seguidamente por outros idiomas con expresións moi similares. En España, a primeira emisión de televisión produciuse o domingo, 28 de outubro de 1956, desde o pequeno estudo situado no Paseo da Habana, en Madrid. O radio de difusión chegaba, unicamente, a uns 60 quilómetros de distancia e o número de aparatos de televisión era duns 600. A programación arrancou coa Carta de Axuste, o discurso inaugural do ministro de Información e Turismo, Gabriel Arias-Salgado, representacións de coros e danzas rexionais, actuacións musicais e reportaxes do No-Do. A Carta de Axuste servía para sintonizar o ton e os brillos e aparecía en pantalla unha hora antes de comezar a transmisión. A década dos 60 supuxo o gran despegue da televisión, con acontecementos como a retransmisión do primeiro partido de fútbol Barcelona-Real Madrid, en 1960, seguido a través dos escaparates das tendas de electrodomésticos. Ese mesmo ano estableceuse conexión coa rede internacional de Eurovisión. En 1963 comezou a utilización dos rombos para avisar da “perigosidade moral” do programa e en 1966 iniciáronse as emisións da Segunda Cadea (UHF), cunha programación máis cultural. Se ben, os momentos de maior interese social foron os funerais de John F. Kennedy, en 1963 e a chegada do home á Lúa, en 1969, seguidos por millóns de espectadores en todo o mundo. Ao longo destes 50 anos, a televisión pasou a converterse no medio de comunicación máis aceptado pola cidadanía cumprindo, pola súa vez, unha función informativa, cultural e de entretemento. Para a emisión do selo contouse coa colaboración do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación, unha profesión á a que se debe, en boa parte, a evolución e desenvolvemento do proceso técnico televisivo.