Data de emisión: 08 outubro 2006

ESPAÑA’06. EXPOSICIÓN MUNDIAL DE FILATELIALA MODA

CONSULTAR TARIFAS

ESPAÑA’06. EXPOSICIÓN MUNDIAL DE FILATELIALA MODA

HISTORIA

A Moda española é un dos temas que ilustran as follas bloques emitidas durante a Exposición Mundial de Filatelia que se celebra en Málaga do 7 ao 13 de outubro. Os deseñadores Victorio & Lucchino, que constitúen unha das firmas máis representativas da nosa moda no panorama internacional, son os protagonistas desta emisión. Os seus nomes, xunto ao doutros grandes deseñadores españois, figuran entre os que souberon elevar a moda española aos primeiros postos de vangarda nas grandes pasarelas do mundo.

Os andaluces José Víctor Rodríguez Caro e José Luis Medina del Corral, máis coñecidos como Victorio & Lucchino, coincidiron profesionalmente a finais dos anos 70 nunha empresa de deseño sevillana e moi pronto se asociaron para empezar a súa andaina cunha idea en común en canto a gustos e tendencias. A súa primeira tenda na emblemática rúa Sierpes de Sevilla e o éxito alcanzado cos seus vestidos de noiva levounos a presentar, en 1985, a súa primeira colección de primavera-verán en Nova York. Un ano máis tarde, na Pasarela Cibeles, Madrid, iniciaron a creación de dúas coleccións anuais de Prêt-à-Porter. Ao longo destes anos estiveron presentes nos grandes desfiles de Londres, Milán, Düsseldorf, Chicago e Nova York e conseguiron, entre outros galardóns, “A Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes”. As raíces andaluzas de Victorio & Lucchino móstranse en todas as súas prendas, cheas de colorido, nas que predomina o vermello como “símbolo do sangue, a paixón, a festa e o lume” en todo tipo de motivos e accesorios. Innovadores en volumes e formas, introduciron o volante en mangas, colos e baixos como un novo concepto creativo. Así mesmo, son creadores dunha variada liña de produtos de perfumería, bolsos, zapatos e xoias. A folla bloque foi deseñada polo Estudio Jesús Sánchez, de Sevilla, adxudicatario do concurso de deseño convocado por Correos para a exposición. No selo reprodúcense o logotipo de Victorio & Lucchino e o emblema da mostra filatélica sobre un tecido no que se trata de representar a súa textura. Na viñeta exterior aparece o retrato dos modistos e o lema da exposición “Un mar de selos”.