Data de emisión: 29 maio 2006

ESPAÑA 2006. EXPOSICIÓN MUNDIAL DE FILATELIA

CONSULTAR TARIFAS

ESPAÑA 2006. EXPOSICIÓN MUNDIAL DE FILATELIA

HISTORIA

Dende o día 7 ao 13 de outubro Málaga será sede de España 2006. Exposición Mundial de Filatelia. Como anuncio de tan importante acontecemento filatélico emítese agora unha folla bloque que reproduce o cartel anunciador.

Málaga, cidade andaluza por excelencia, mundialmente coñecida como a capital da Costa do Sol, verase inundada durante as referidas datas, como menciona o lema impreso no seu cartel, por un mar de selos. Por este motivo o centro urbano malagueño, as súas rúas e prazas pasarán a converterse durante uns días no centro neurálxico da filatelia nacional e internacional ao servir de escenario e soporte á próxima edición de España 2006. Exposición Mundial de Filatelia. O núcleo expositivo máis importante desta mostra estará situado na entrada principal do Porto, onde se instalarán cerca de 1.000 vitrinas, ademais da caseta institucional de Correos, a de Literatura Filatélica, así como outras dedicadas á recepción de coleccións e sala destinada a reunións de expertos; a praza da Constitución está reservada á caseta institucional da Dirección de Filatelia e sala de presentacións de selos, ademais da Corte de Honor; na rúa Marqués de Larios situáranse as casetas comerciais; e o resto dos espazos expositivos distribúense entre a avenida de Andalucía, corredor de Santo Domingo e a rúa Alcazabilla que acollerán vitrinas filatélicas das coleccións presentadas a concurso; finalmente, na praza da Mariña e nun tramo da Alameda Principal irán instaladas as casetas de deseño de diversas institucións e empresas. No cartel anunciador de España 2006. Exposición Mundial de Filatelia destacan o azul e o amarelo, ambos os tons identificativos das cores corporativas de Correos e de Málaga, cidade esencialmente turística e colorista, calidades estas que se ven simbolicamente reflectidas no cartel a través da hamaca de praia e do ramallo de xasmíns inseridos nun ramallete de fiúncho bravo que aquí se exhibe a modo de parasol. Tanto na folla como no selo inserido nela, aparece impreso o logotipo da Exposición Mundial onde os díxitos 06, correspondentes ao ano, se asemellan a dous veleiros cuxa estela ondulante se amosa a modo de ondada simulando unha marca de cuño. Ademais da referencia a Málaga menciónanse as datas de celebración e o lema de España 06, Un mar de selos. Tamén na folla están impresos os logotipos do Ministerio de Fomento, de Correos e do Concello de Málaga.