Data de emisión: 27 outubro 2006

RAMÓN RUBIAL

CONSULTAR TARIFAS

RAMÓN RUBIAL

HISTORIA

Ponse en circulación un novo selo da serie Personaxes dedicado a conmemorar o Centenario do Nacemento de Ramón Rubial.

A vida de Ramón Rubial iniciouse un 28 de outubro de 1906 na localidade biscaíña de Erandio. Alí formouse como torneiro na Escola de Artes e Oficios e, con apenas 14 anos, comezou a militar no Sindicato Metalúrxico de Biscaia da UGT coas ilusións postas en construír un futuro mellor para os traballadores. En 1922 incorporouse ás Xuventudes Socialistas, compaxinando a súa vida laboral de obreiro metalúrxico cunha intensa actividade política e sindical.

Implicado de cheo nas loitas sociais por mellorar as condicións de vida da clase obreira, Ramón Rubial pagou cara a súa participación nas actividades revolucionarias de outubro de 1934 e na defensa da República durante a Guerra Civil. En 1937 foi detido, permanecendo durante case 20 anos en prisión. Desde a saída do cárcere, en 1956, ata a súa xubilación, en 1976, traballou nos talleres dun amigo e dedicouse de cheo a reorganizar o PSOE e a UGT desde a clandestinidade, aínda a risco de comprometer a súa vida e a súa liberdade.

Tras a chegada da democracia ao noso país, en 1976 foi elixido presidente do PSOE e en 1977 senador por Biscaia nas primeiras eleccións democráticas. En febreiro de 1978 foi nomeado presidente do Consello Xeral Vasco.

Impulsou, en 1990, a creación da Fundación Españois no Mundo para “realizar programas de asistencia dirixidos a todos os españois en calquera parte do mundo en que se encontren ... manter a presenza española no mundo por medio dos españois que residan no estranxeiro ... e, en definitiva, fomentar cantas iniciativas leven á integración plena dos españois, tanto no país en que residen, como en España”. Na actualidade esta institución pasou a chamarse Fundación Ramón Rubial-Españois no Mundo.

Ramón Rubial morreu o 24 de maio de 1999 deixando tras de si unha fonda pegada política e o exemplo de toda unha vida consagrada aos seus ideais. Para ilustrar o selo elixiuse un primeiro plano do personaxe na súa última época.