Data de emisión: 04 abril 2006

VALORES CÍVICOS - 2006

CONSULTAR TARIFAS

VALORES CÍVICOS - 2006

HISTORIA

A serie denominada Valores Cívicos amplíase coa emisión de catro novos selos que continúan a liña de deseño iniciada o ano anterior. O Aforro da Auga é un dos motivos da serie co que se quere recordar aos cidadáns e aos poderes públicos a necesidade de facer un uso máis racional deste prezado líquido. Aínda que a superficie da Terra está cuberta case no 80% por auga, menos do 1% é auga doce, é dicir, útil para o uso doméstico. As fortes secas e o cambio climático experimentado nas últimas décadas están convertendo a auga nun ben natural cada día máis escaso, que obriga a un plan de aforro e de consumo máis responsable e restrinxido.

Baixo o lema Drogas Non escrito nos catro idiomas oficiais do país, o selo de 0,35 euros aparece dedicado á Loita contra a Droga e ao XX Aniversario do Plan Nacional sobre Drogas, aprobado polo Goberno en 1985. A drogodependencia é un motivo de preocupación para a Administración, quen ao longo destas dúas décadas puxo en práctica sucesivos plans de axuda integradora que abranguen aspectos como: a prevención, asistencia aos drogodependentes, rehabilitación, cobertura asistencial e integración laboral. O abuso do alcohol, tabaco, drogas duras e brandas ou das novas drogas sintéticas son obxecto de continuas campañas publicitarias para alertar a mocidade sobre o seu consumo.

A Loita Contra o Tráfico de Persoas é outro dos temas candentes na actualidade e ao que a filatelia se une nesta emisión. Nos últimos anos, o aumento considerable do tráfico de seres humanos -relacionado na súa meirande parte con rapazas prostitutas traídas do estranxeiro e coa explotación sexual infantil- fixo que os países membros da Unión Europea e da Comunidade Internacional establezan medios de cooperación para loitar contra as mafias organizadas e tratar de garantir o respecto e a dignidade das vítimas, principalmente das mulleres e dos nenos.