Data de emisión: 08 marzo 2007

ARQUEOLOGÍA

CONSULTAR TARIFAS

ARQUEOLOGÍA

HISTORIA

Ademais dos selos emitidos dos campos arqueolóxicos dos Millares (Almería), L´Alcúdia (Elxe, Alacante) e o Guerrer de Moixent (Valencia), o Mosaico da vila romana da Olmeda (Palencia) e das Termas romanas de Campo Valdés (Xixón, Asturias), dan continuidade a unha serie que promete ser moi didáctica e atractiva, xa que serve para dar a coñecer a riqueza arqueolóxica e a variedade do noso pasado histórico e cultural.

No termo municipal de Pedrosa da Veiga e próxima á poboación de Saldaña atópase situada a Vila romana da Olmeda, cuxos vestixios arqueolóxicos fan evidenciar ao contemplador o esplendor do seu pasado. Trátase dunha gran mansión de finais da época romana que, pola calidade e gusto que denotan os mosaicos existentes, debeu de servir de residencia a un ilustre aristócrata. Polos cimentos que se conservan da vila, todas as estancias estaban situadas arredor dun patio central. Á marxe da excelente distribución de espazos con que foi concibida a vila, atrae a atención dos que a visitan, os magníficos e fermosos mosaicos das súas distintas estancias que cobren varios centos de metros cadrados de chan. Nesta explotación agrícola e gandeira dos séculos IV e V, os seus mosaicos son un auténtico espectáculo visual no que se dan cita elementos figurativos, xeométricos e vexetais. De todos eles, o máis importante é o que ilustra a historia do descubrimento de Aquiles por Ulises no xineceo de Licomedes, na illa de Skiros. Del reproduce o selo un fragmento.

Situado no comezo da praia de San Lorenzo, xunto á igrexa de San Pedro, atopamos o xacemento-museo das Termas romanas de Campo Valdés, de Xixón, un dos complexos máis importantes da presenza romana na cidade. Descuberto en 1903, foi declarado Ben de interese Cultural polo seu alto valor arqueolóxico. As termas, construídas entre os séculos I e IV despois de C., constan de dúas construcións: unha principal de máis de 400 metros, con vestíbulo, cuarto para baños quentes e fríos e, a outra, máis reducida en dimensións e contigua á anterior, créese que era unha terma destinada a mulleres. Os baños, ao parecer, foron construídos pola Lexión IV Macedónica. As ruínas e estancias, cuxo interior reproduce o selo, tras a súa recuperación, poden ser visitadas polo público.