Data de emisión: 23 abril 2007

EUROPA 2007. CENTENARIO DEL MOVIMIENTO SCOUT

CONSULTAR TARIFAS

EUROPA 2007. CENTENARIO DEL MOVIMIENTO SCOUT

HISTORIA

Un ano máis, os países membros de PostEurop (Asociación de Operadores Postais Públicos Europeos) poñen en circulación a serie Europa, cun tema en común, dedicada nesta ocasión ao Movemento Scout ao cumprirse o centenario da súa creación.

Foi o militar británico Robert Stephenson Smith Baden-Powel (Londres 1857 - Nyeri, Kenya, 1941) quen fundou o Movemento Scout no ano 1907. Cunha destacada carreira militar, na que se revelou como un excelente explorador, “Scout” en inglés, loitou na guerra contra os Boers en Sudáfrica, defendendo valorosamente a cidade asediada de Mafeking (1899-1900). Para isto serviuse dun grupo de rapaces uniformados aos que instruíu en determinadas tarefas, como levar mensaxes e ordes aos soldados, facer de sentinelas e axudar na distribución de medicinas e alimentos, responsabilizándoos das súas funcións. Esta idea sobre a responsabilidade xuvenil levaríao a fundar o Movemento Scout. Autor de varios libros sobre métodos educativos, en 1907 Baden-Powel reuniu na illa de Brownsea, ao sur de Inglaterra, un grupo de 20 rapaces de distintas idades e estamentos sociais para ensinarlles técnicas de supervivencia ao aire libre, construír refuxios, preparar os seus propios alimentos, percorrer a natureza, observar os animais, instruílos sobre primeiros auxilios... Tratábase do primeiro campamento experimental que daría paso inmediatamente ao coñecido Movemento Scout que pretende, en definitiva, o desenvolvemento físico e mental de nenos e rapaces de ambos os dous sexos, para que poidan desempeñar un papel construtivo na sociedade. Na actualidade, o escultismo é un movemento educativo que conta con máis de 28 millóns de persoas repartidas por todo o mundo -entre rapaces e adultos, homes e mulleres- que ademais da idea orixinaria de vida ao aire libre e traballo en equipo, colaboran en tarefas de axuda humanitaria, analfabetismo, formación profesional, prevención e loita contra a SIDA e a drogodependencia, protección de menores e un longo etcétera, en cooperación con institucións como UNICEF, UNESCO e Nacións Unidas. No selo reprodúcese o logotipo do centenario coa flor de lis, emblema mundial do Movemento Scout e o lema “Un mundo, unha promesa”.