Data de emisión: 05 xullo 2007

EXPO 2008. ZARAGOZA

CONSULTAR TARIFAS

EXPO 2008. ZARAGOZA

HISTORIA

Correos dá a coñecer, mediante a emisión dun selo, o logotipo e a mascota da Exposición Internacional Zaragoza 2008. Magno acontecemento, cuxo eixo temático xira arredor da Auga e o desenvolvemento sostible, que estará coordinado polo Bureau Internacional des Expositions, organismo que entre as tres cidades candidatas (Tesalónica, Trieste e Zaragoza), optou por elixir a esta última como sede da Exposición Internacional.

A Auga e o desenvolvemento sostible é o epígrafe baixo o que se desenvolverá esta Exposición Internacional, que se celebrará desde o 14 de xuño ao 14 de setembro do 2008. Serán máis de 90 días para os que se programaron máis de 3.400 actuacións, realizadas por 300 compañías e artistas, dirixidas a nenos, rapaces e adultos. Os espectáculos terán unha relación máis ou menos directa co tema da auga, eixo temático que se imporá como protagonista do século XXI e que será pormenorizado en varios subtemas como: A auga, recurso escaso, As paisaxes da auga, A auga como elemento de relación entre os pobos e A auga para a vida. Os espazos desta Exposición Internacional, que ocupará unha superficie de 25 hectáreas, están situados xunto ao Ebro, distribuídos en recintos temáticos dedicados a Cidades de auga, Auga compartida, Sede, Auga extrema, Illas e costas, etc. Neste amplo recinto expositivo estarán representados os máis de 90 países que participan neste gran acontecemento. Correos, que figura entre os patrocinadores de Zaragoza 2008, emite o selo no que aparece o zeta de Zaragoza trazado con gotas de auga, ademais da mascota denominada Fluvi, acrónimo de flumen vitae (en latín, río da vida). Fluvi, personaxe ideado polo profesor de deseño barcelonés, Sergi López Jordana, é unha alegre figura azulada e de grandes ollos negros, con asombroso parecido a E.T. É unha criatura da auga, de corpo xelatinoso semitranslúcido. É un personaxe positivo que limpa e purifica calquera cousa que toca. Segundo a simboloxía pola que foi concibido, Fluvi por onde pasa, o que toca queda fertilizado, dálle vida. O seu autor, para realizar esta mascota, inspirouse nunha gota de auga.