Data de emisión: 06 setembro 2007

FAROS

CONSULTAR TARIFAS

FAROS

HISTORIA

Desde o xa mítico faro de Alexandría, construído no século III antes de Cristo, moitos foron os faros xurdidos ao longo das costas de todo o mundo. O faro, punto de referencia e guía de navegantes, ademais serviu como tema e argumento a cuantiosas recreacións literarias. A súa situación en promontorios ou saíntes do litoral, en illas ou bancos de area, vén realzar a súa esvelteza e presenza, polo que se prestan a evocar historias fantásticas e románticas de mariños e damas, de naufraxios en noites tormentosas e de néboa. Os faros, coa súa luz indicadora, sempre lles transmitiron aos navegantes descarreirados o camiño co seu raio de esperanza.Correos dedica a estes edificios e torres-faro a emisión dun miniprego que recolle a imaxe de seis construcións: o faro de Punta del Hidalgo (Tenerife); o de Cabo Mayor (Cantabria); o de Punta Almina (Ceuta); o Faro de Melilla; o de Cabo de Palos (Murcia); e o Faro Gorliz (Vizcaya). De todos eles, os selos reproducen a súa imaxe.

O faro de Punta del Hidalgo, situado dentro do termo municipal de La Laguna, foi construído en 1992. É unha torre de estrutura moi innovadora e de cachotería branca troncopiramidal irregular. A súa altura é de máis de 50 metros, a súa luz é branca e o alcance nominal é de 16 millas náuticas. O faro de Cabo Mayor en Santander, hoxe reconvertido en centro de arte, foi inaugurado en 1839 e tivo ademais carácter de fortín. Consta dunha planta circular que serve de base a unha torre cilíndrica revestida en pedra. Ten unha altura sobre o terreo duns 30 m e de 91 de altitude focal sobre o nivel do mar. Foi o primeiro faro español que funcionou con aceite mineral. O faro ceutí de Punta Almina é unha torre cilíndrica branca duns sete metros asentada sobre un edificio. A súa altura sobre o nivel do mar é de 148 m e ten un alcance de 22 millas. Debaixo del está o castelo-museo militar coñecido como o Desnarigado. O faro de Melilla é unha torre gris con forma de lanterna e cúpula de aluminio. Está situado a 40 m sobre o nivel do mar e a unha altura de 12 m sobre o terreo. O seu alcance é de 14 millas. O faro do Cabo de Palos comezou a construírse en xaneiro de 1863 e iluminouse en xaneiro de 1865. É unha torre de perpiaño gris en forma de columna, lixeiramente cónica, que parte do centro dun edificio cadrado e ten uns 80 m de altura sobre o nivel do mar.