Data de emisión: 18 outubro 2007

MODA ESPAÑOLA. BALENCIAGA

CONSULTAR TARIFAS

MODA ESPAÑOLA. BALENCIAGA

HISTORIA

Falar da moda no vestir é falar de tendencias, pasarelas, desfiles e modelos; é referirse a un mundo onde os grandes modistos e mestres do deseño conxugan a arte do vestiario con novos tecidos e texturas para amosar o máis novo e actual. Correos dedica esta emisión, formada por unha folla bloque con catro selos, á Moda Española e a un dos máis afamados creadores do noso país, Balenciaga.

Entre os nomes que ocupan un lugar de honor nas páxinas da moda internacional figura o español Cristóbal Balenciaga (Guetaria [Guipúscoa] 1895-Valencia 1972). Impulsor dun novo estilo que pugnaba pola “finura da sinxeleza”, o mestre Balenciaga iniciou a súa aprendizaxe en Madrid. Tras abrir as primeiras casas de costura en San Sebastián, Madrid e Barcelona, en 1937 instálase en París, onde pronto se impón na alta costura pola súa sobriedade e pola súa suntuosidade nos traxes de noite. Nos anos cincuenta crea unha nova liña con vestidos de busto axustado, cintura de avéspora e cadeiras voluminosas; abrigos sen colos nin botóns, manga xaponesa, vestidos túnica ou a chamada liña imperio. Os seus deseños vestíronos a raíña Fabiola de Bélxica, a princesa Gracia de Mónaco e a duquesa de Windsor. Contrario ás correntes masificadoras da moda e do prêt-à-porter, en 1968 retirouse. A folla bloque ilústrase cun vestiario representativo das distintas horas do día, así, o selo de 0,39 euros reproduce un vestido de encaixe chantilly cor marfil sobre transparentes de tafetá. Leva corte á cintura e amplo voo. Foi realizado en París entre 1948-1950 O valor de 0,42 amosa un traxe de festa de dúas pezas en raso de seda vermello. A toureira, de manga xaponesa, vai bordada con abelorios, cordóns e lamé prateado. París 1960. Un conxunto de rúa composto por vestido e abrigo en vermello, confeccionado na década dos sesenta, é o motivo que ilustra o selo de 0,58 euros. O último selo, de 0,78 euros, recolle un vestido camiseiro en liño amarelo con escote á caixa e tira. A manga é xaponesa e a saia con anchas táboas lixeiramente engurradas. Pecha con 11 botóns de pasta da mesma cor. As imaxes que aparecen nos selos foron cedidas polo Museo do Traxe de Madrid, institución que ten como obxectivo dar a coñecer a evolución histórica da indumentaria dos pobos de España.