Data de emisión: 16 maio 2007

VALORES CÍVICOS

CONSULTAR TARIFAS

VALORES CÍVICOS

HISTORIA

Por terceiro ano consecutivo, ponse en circulación a serie titulada Valores Cívicos coa emisión de catro novos selos relacionados con temas de gran interese e calado social.

Baixo o lema “Somos diferentes, somos iguais”, o valor de 0,30 euros aparece dedicado á integración e contra o racismo. A mensaxe solidaria coincide co acordo tomado polo Parlamento Europeo e o Consello da Unión Europea ao declarar 2007 como “Ano Europeo da Igualdade de Oportunidades para Todos”. A loita contra o racismo, a xenofobia, a intolerancia ou a inmigración son algunhas das iniciativas presentadas polos países da UE para tratar de conseguir unha sociedade multicultural que erradique a discriminación.

O selo de 0,39 euros toma como mensaxe “Tod@s compañer@s. Contra a violencia escolar”. As agresións que sofren os escolares en aulas e recreos, fixeron que goberno, institucións e educadores aborden o problema desde unha perspectiva real. A planificación de programas educativos e a dotación de recursos necesarios para afrontar o maltrato entre os escolares parecen fundamentais para poder atallar e poñer fin a este fenómeno de violencia nos centros educativos.

España é un dos países do mundo con maior índice de “Doazón de órganos”, tema ao que se dedica o selo de 0,58 euros que se pon en circulación. Datos oficiais sinalan a cifra de 33,8 doadores por millón de persoas, convertendo o noso país en líder de doazóns. A posibilidade de curar enfermos ou salvar a vida de moitas persoas por medio do transplante é un acto altruísta que require da vontade e da concienciación social. Mentres tanto, miles de enfermos esperan a chegada dese doador anónimo cargado de solidariedade.

O selo de 0,78 euros está dedicado á “Igualdade de sexos”. A discriminación sufrida polas mulleres ao longo da historia pode quedar erradicada coa “Lei orgánica para a igualdade efectiva de mulleres e homes”, na que se establece o principio xurídico de igualdade entre os sexos e a eliminación da discriminación nos distintos ámbitos, xa sexa na esfera política, civil, laboral, económica ou social. Todo isto redundará en alcanzar unha sociedade máis democrática, xusta e solidaria. Os catro selos dedicados aos Valores Cívicos continúan a liña de deseño dos anos anteriores e, como o seu título indica, avoga pola solidariedade e a colaboración da sociedade nos distintos aspectos.