Data de emisión: 17 xaneiro 2008

CIENCIA

CONSULTAR TARIFAS

CIENCIA

HISTORIA

A serie titulada Ciencia amplíase coa emisión de dous selos autoadhesivos dedicados á Medicina e á Meteoroloxía. Ambos os dous selos reproducen algúns dos elementos máis representativos das ciencias médicas e meteorolóxicas.

A Meteoroloxía é unha rama da Xeofísica que estuda os fenómenos que ocorren na atmosfera. Como ciencia aplicada serve para a predición do tempo e a previsión dos cambios climáticos. En España o organismo encargado do seu seguimento é o Instituto Nacional de Meteoroloxía (INM), que foi creado en 1860, e que conta con observatorios automáticos por toda a xeografía para a captación e seguimento de datos. Ademais da observación, vixilancia e predición do tempo, colabora en política ambiental e anualmente efectúa máis de 23.000 predicións por comunidades autónomas, 100.000 predicións específicas para aeroportos e 5.000 para zonas marítimas próximas á costa. O INM está adscrito ao Ministerio de Medio Ambiente e é membro da Organización Meteorolóxica Mundial (OMM), con sede en Xenebra, entre cuxos obxectivos figuran a cooperación internacional nesta materia, o intercambio rápido de información, a normalización nos instrumentos de medidas e métodos de observación, e a publicación uniforme de estatísticas.

A aplicación das ciencias médicas para curar e previr enfermidades estivo sempre ligada á historia da humanidade e foi contemplada de forma diferente a través dos tempos. Se nas sociedades máis primitivas consideraban o enfermo como un ser impuro e acudían á explicación divina como causa do mal, civilizacións como a exipcia deixaron mostras dunha medicina avanzada e os gregos, romanos, xudeus e árabes abundaron nestes estudos que non cesaron de evolucionar ao longo dos séculos. O avance no coñecemento das enfermidades e na anatomía do corpo humano deron paso a novos campos de investigacións que permiten considerar o século XIX como a entrada da medicina na era contemporánea, coa aplicación de novas técnicas científicas en continuo desenvolvemento.