Data de emisión: 28 abril 2008

EXFILNA 2008. OVIEDO

CONSULTAR TARIFAS

EXFILNA 2008. OVIEDO

HISTORIA

Por mor de celebrarse a XLVI Exposición Filatélica Nacional, unha das exposicións máis importantes da filatelia española que ten como obxectivo impulsar o coleccionismo de selos, Correos, como vén sendo habitual, emite unha folla bloque que se ilustra coa Cruz da Vitoria, que fornece a súa imaxe ao selo e cuxos brazos se prolongan á folla bloque que ten como fondo o edificio principal do Teatro Campoamor de Oviedo, cidade na que se celebra EXFILNA entre os días 28 de abril ao 3 de maio.

A Cruz da Vitoria, tamén denominada de Pelaio, destaca como motivo principal do selo e da folla bloque. Esta peza emblemática e símbolo de Asturias, custodiada na Cámara Santa da catedral de San Salvador de Oviedo, é un exemplo excepcional do prerrománico asturiano, aínda que a técnica é de orixe bizantina e influxo mozárabe. Ten forma de cruz latina e o seu soporte é de madeira de carballo recuberta de ouro, esmaltes e pedras preciosas. Os seus brazos preséntanse ensanchados nos seus extremos e no centro posúe un pequeno relicario. Foi realizada durante o reinado de Afonso III, o Magno, quen a doou no ano 908. Segundo a lenda, esta cruz foi levada por don Pelaio na batalla de Covadonga. O Teatro Campoamor, marco da cerimonia dos prestixiosos Premios Príncipe de Asturias, escenario e símbolo da vida cultural de Oviedo, é obra dos arquitectos madrileños José López Salaberry e Sirgo Borrajo Montenegro, autores do proxecto presentado en 1876 e desenvolvido entre 1883 e 1892. Bautizado a proposta de Leopoldo Alas Clarín co apelido do célebre autor asturiano Ramón de Campoamor, sufriu importantes remodelacións en 1916 e 1940, tras quedar reducido a cascallos durante a Guerra Civil. O Campoamor, cuxa fachada nos evidencia o influxo do clasicismo romántico centroeuropeo, de novo será reaberto en 1948. Desde entón, serviu de escenario a cuantiosas obras de teatro, óperas, zarzuelas e concertos. Oviedo, capital do Principado de Asturias, cidade moderna, comercial e monumental, eríxese agora en sede da XLVI Exposición Filatélica Nacional que ten como centro o Auditorio–Palacio de Congresos Príncipe Felipe.