Data de emisión: 22 febreiro 2008

EXPO ZARAGOZA 2008

CONSULTAR TARIFAS

EXPO ZARAGOZA 2008

HISTORIA

A Exposición Internacional de Zaragoza 2008, cuxo eixe temático xira arredor da Auga e desenvolvemento sostible, celebrarase na capital aragonesa desde o 14 de xuño ao 14 de setembro. Como anticipación a tan magno acontecemento, Correos, que xa emitiu un selo co logotipo e a mascota de Expo Zaragoza 2008, dedica esta emisión a reproducir as imaxes do Pavillón-Ponte e a Torre da Auga, dous complexos arquitectónicos que quedarán para a posteridade como emblemas ou iconas do que será esta Exposición Internacional.

O Pavillón-Ponte, obra da arquitecta iraquí, Zaha Hadid, e da empresa de enxeñeira Arup, é un deseño radical de Hadid, cuxa sección ten forma orgánica, trenzada, moi estilizada e lixeiramente curvilínea que se asemella a un diamante ou a un gladíolo. Consiste nunha pasarela peonil que facilita o acceso ao recinto desde a marxe dereita do río Ebro, que o cruza en dous tramos apoiándose en ambas as dúas beiras e nunha illa central situada na canle do río. O Pavillón-Ponte, un dos elementos claves da mostra, ademais de conectar o eixo do bulevar de acceso co Palacio de Congresos, dentro do recinto da Expo, permitirá aos visitantes acceder a tres espazos expositivos relacionados co bo uso e a xestión da auga. Outro dos principais símbolos desta Exposición Internacional é o edificio denominado Torre da Auga, obra do arquitecto Enrique de Teresa, que acollerá no seu interior a exposición Auga para a vida. É un volume acristalado de 76 m de altura que visto desde arriba ten forma de gota de auga. Consta o edificio de dúas zonas diferenciadas: zócalo e torre. O zócalo, con tres plantas de altura, recolle o fuste da torre que se eleva sobre a rasante cunha altura de 70 m A Torre da Auga contará con varios elementos singulares como unha cortina de auga na entrada do zócalo, unha fonte de auga-chuvia e unha escultura chamada Splash, que reproduce unha salpicadura de auga.