Data de emisión: 10 outubro 2008

MICOLOGÍA

CONSULTAR TARIFAS

MICOLOGÍA

HISTORIA

A emisión de Micoloxía mostra dous fungos moi rechamantes polo seu colorido: o boletus regius e a lepista nuda.

BOLETUS REGIUS: é un boleto de gran beleza pola súa intensa coloración. A súa denominación significa boleto real. O sombreiro ten de 6 a 15 cm de diámetro e é dunha cor vermella-rosa intensa. Ao principio é redondo e a medida que vai crecendo adquire unha forma convexa e ao final pódese tornar case plano. Os tubos son de cor amarela intensa, que co paso do tempo adquiren unha suave tonalidade verdosa. O pé é robusto, firme e curto e ensánchase un pouco na base; ten unha cor amarela e está envolto nunha retícula da mesma cor. A carne é de cor amarela limón pálida. É unha especie pouco abundante que aparece en outono en bosques de carballos, castiñeiros, faias ou aciñeiras cando as chuvias son moi abundantes. É comestible de boa calidade. Pode confundirse con outros boletos de cores similares, todos comestibles, especialmente co boletus speciosus.

LEPISTA NUDA: é coñecida comunmente como “borracha” ou “de pé azul” pola tonalidade das súas cores. O sombreiro é de coloración azul-violáceo con tonalidades gris ou marrón claro. Pode alcanzar 15 cm de diámetro e é convexo tendendo posteriormente a unha forma aplanada. As láminas son de cor malva, máis intensa nos exemplares máis novos adquirindo unha lixeira tonalidade marrón co paso do tempo e son finas e apertadas. O pé é algo curto e robusto, de cor malva, aínda que un pouco máis pálido que as láminas. A carne é branca con lixeira tonalidade azulada. É unha seta moi común que aparece xeralmente en outono e a principios de inverno baixo coníferas, frondosas ou en prados, en terreos con abundante humus. É comestible de boa calidade, aínda que ten un sabor forte e é un pouco viscosa. Pode confundirse coa lepista sórdida, que é de cor lila máis escura e en xeral máis delgada e fráxil e de olor menos intenso, ou co cortinarius violáceus de cor lila.