Data de emisión: 10 marzo 2008

NATURALEZA 2008

CONSULTAR TARIFAS

NATURALEZA 2008

HISTORIA

A emisión de Natureza consta de dous selos e están dedicados ao Parque Natural das Foces do río Duratón en Segovia e á comarca dos Montes de Toledo localizada nesta provincia. Ambos os dous selos ofrecen senllas panorámicas dun e doutro lugar.

O Parque Natural das Foces do río Duratón está situado ao nordeste de Segovia, en Sepúlveda. Ten unha superficie de 5.037 hectáreas. O seu relevo é un extenso conxunto de foces, gargantas e acantilados escavados polo Duratón nas calcarias mesozoicas. Entre a súa vexetación, na parte alta esténdese o páramo onde abundan a sabina albar e o xenebro común, ademais doutras especies de matogueira con tomiños, sarxas e toxos, mentres que nas gargantas hai sedos e especies nitrófilas como a hedra, o colantriño e o fento das boticas. Xa na beira do río, a vexetación é máis complexa e variada. Xunto a olmos, salgueiros e amieiros hai nogueiras, castiñeiros, abruñeiros e estripeiros. En canto á fauna, as altas gargantas que forma a foz fan que proliferen as distintas especies de aves como o voitre común, a aguia real, o voitre branco, o lagarteiro e o falcón peregrino e na ribeira distintas especies de réptiles, anfibios e mamíferos. Este espazo foi declarado Parque Natural en 1989.

A comarca dos Montes de Toledo, pertence a Castela-A Mancha. Defínese así ao territorio de Toledo delimitado ao norte polos socalcos do val do Taxo, ao sur polo río Guadiana e as antigas terras de Calatrava, ao oeste polo río Pusa e a antiga Terra de Talavera e ao leste pola Mancha. Dependendo da zona orixínase un bosque de carácter mixto con aciñeiras, padrairos, sobreiras e caxigos, aos que se suman a matogueira con xaras, queirugas, romeu, estripeiros, lentiscos e ramonos. No referente á fauna, a dos Montes de Toledo é moi variada pois hai aguias e voitres, ademais doutras aves como a avetarda, o sisón e o picapeixe. Posúe tamén grandes mamíferos como o cervo, o corzo e o xabaril e unha ampla representación de anfibios, réptiles e peces.