Data de emisión: 03 novembro 2008

NAVIDAD 2008

CONSULTAR TARIFAS

NAVIDAD 2008

HISTORIA

O tema do Nadal vén mostrando nos selos obras de arte do pasado e actuais. Esta emisión, correspondente ao Nadal de 2008, que consta de dous selos, reproduce un o Misterio-Belén del Príncipe, un belén napolitano e español do século XVIII, mentres que o selo con temática do Nadal contemporáneo ilústrase cunha Maternidade do pintor J. Carrero.

O chamado Belén del Príncipe é unha obra que está composta de varias figuras que representan o Misterio ao completo. Este grupo de figuras expoñíanse reunidas nunha gruta entre clasicista e rústica. A estas pezas principais do belén únenselles a Cabalgata dos Reis Magos co seu séquito, grupos de anxos e de pastores, ademais de numerosos animais. Os beléns, antes do século XVIII, estaban reservados aos conventos. Coa chegada de Carlos III a España procedente de Nápoles, de onde trouxo estas pezas, as representacións do Nadal incorpóranse á vivenda nobiliaria e aos palacios, onde poden ser visitadas por todo o mundo. As figuras integrantes deste belén foron adquiridas para o príncipe de Asturias e para o infante don Gabriel e están realizadas por diversos artistas napolitanos que traballaban para a corte. A maioría das pezas teñen a cabeza, mans, pernas e brazos tallados en madeira e outras en barro. O corpo é un manequín de estopa e arame que permite dotalos de mobilidade. As figuras que compoñen o Misterio son un Neno espido que descansa sobre un leito, a Virxe coa cabeza cuberta e vestida con traxe de seda e san Xosé cun manto de seda amarelo sobre o ombro dereito e recollido na man esquerda. Ambos os dous miran tenramente o Neno.

O outro selo, cuxo título é Maternidade, está recreado nunha pintura do artista estremeño J. Carrero, autor que vén exercendo a súa profesión artística desde finais dos 70 e que conta ata agora con máis de medio centenar de exposicións en galerías, espazos culturais e museos. O pintor para elaborar a composición que mostra a imaxe do selo inspirouse na figura dunha nai noviña que porta nos seus brazos un neno totalmente espido. Ambas as dúas figuras vistas de perfil, destacan sobre vermellas tonalidades que nos suxiren a cromática da Flor de Pascua, unha planta do Nadal por excelencia.