Data de emisión: 02 xuño 2008

PERSONAJES

CONSULTAR TARIFAS

PERSONAJES

HISTORIA

O bioquímico Joan Oró e as escritoras Carmen Martín Gaite, María Lejárraga e Zenobia Camprubí pasan a formar parte da coñecida serie Personaxes. Joan Oró (Lleida 1923-Barcelona 2004) licenciouse en Ciencias Químicas na Universidade de Barcelona e máis tarde doutorouse en Bioquímica na Facultade de Medicina de Houston (USA), onde foi catedrático e dirixiu o Departamento de Ciencias Bioquímicas e Biofísicas. De recoñecido prestixio internacional, descubriu a síntese da adenina, unha das moléculas máis importantes para a vida, e estudou sobre os compostos orgánicos que se encontran en meteoritos, sedimentos terrestres e mostras da Lúa. Traballou na NASA en varios proxectos de investigación espacial. Tras a súa xubilación regresou a Cataluña, onde seguiu traballando para a ciencia.

Doutorada en Filosofía e Letras, Carmen Martín Gaite (Salamanca 1925-Madrid 2000) logrou o seu primeiro éxito literario coa novela El Balneario ao obter o Premio Café Gijón. En 1957 gañou o Premio Nadal con Entre visillos onde, cunha prosa áxil e directa, presenta o mundo sen horizontes dunha mocidade provinciana. Casada co tamén novelista Rafael Sánchez Ferlosio, escribiu ensaios, poesía, artigos xornalísticos e crítica literaria. En 1988 obtivo o Premio Príncipe de Asturias das Letras e foi a primeira muller en lograr o Premio Nacional das Letras, en 1994.

María Lejárraga (San Millán da Cogolla, A Rioxa, 1874-Bos Aires 1974) -tamén coñecida polo pseudónimo de María Martínez Sierra, ao adoptar os apelidos do seu home, o escritor Gregorio Martínez Sierra- foi unha prolífica escritora de máis de cen títulos de novelas, teatro, ensaio, poesía e guións cinematográficos, se ben toda a súa obra apareceu asinada polo home, quen cos anos tivo que recoñecer publicamente a verdadeira autoría da súa muller. Mestra de primo ensino, en 1933 foi elixida deputada ao Congreso da República por Granada. Xa no exilio asinou como propios varios libros e proxectos literarios.

Zenobia Camprubí (Malgrat, Barcelona, 1887-San Xoán de Porto Rico 1956) foi unha muller culta e intelixente que de moi noviña mostrou os seus dotes literarios coa publicación de contos. Cun perfecto coñecemento do inglés, traduciu a numerosos autores, entre eles e a través dun texto inglés, verteu ao castelán ao pensador e poeta indio Rabindranath Tagore. Casou co poeta Juan Ramón Jiménez, ao que axudou incondicionalmente na súa carreira a cambio de renunciar ás súas aspiracións literarias. Durante o exilio deu clases nos Estados Unidos e na Universidade de Porto Rico.