Data de emisión: 06 abril 2009

60 ANIVERSARIO DEL CONSEJO DE EUROPA

CONSULTAR TARIFAS

60 ANIVERSARIO DEL CONSEJO DE EUROPA

HISTORIA

Ao cumprirse o 60 aniversario da fundación do Consello de Europa, Correos pon en circulación un selo conmemorativo que reproduce o logotipo desta organización política intergobernamental e a inscrición 60 anos 2009.

En 1949, dez países europeos asinaban en Londres o tratado constitutivo do Consello Europeo. No artigo 1 do seu Estatuto establécese que: “A finalidade do Consello de Europa consiste en realizar unha unión máis estreita entre os seus membros para salvagardar e promover os ideais e os principios que constitúen o seu patrimonio común e favorecer o seu progreso económico e social”. 60 anos despois da súa fundación, o Consello de Europa alcanza unha dimensión paneuropea que engloba 47 países, con máis de 800 millóns de cidadáns e cinco estados observadores (Santa Sede, Estados Unidos, Canadá, Xapón e México). A súa sede atópase en Estrasburgo e a súa misión céntrase nunha serie de obxectivos entre os que figuran: a defensa dos dereitos humanos e da democracia pluralista, o desenvolvemento da identidade cultural europea, a loita contra a discriminación das minorías, a xenofobia, a intolerancia, o terrorismo e a delincuencia organizada, entre outros puntos. España adheriuse ao Consello de Europa no ano 1977 e na súa longa andaina figuran momentos como o ingreso do primeiro país do antigo bloque soviético, Hungría en 1990 e Rusia en 1996, o que deu á organización unha magnitude real de europeísmo. A súa estrutura organizativa conta cun Comité de Ministros, formado polos ministros de Asuntos Exteriores dos países membros; unha Asemblea Plenaria, órgano de deliberación e impulsor da cooperación entre os países; un Congreso dos Poderes Locais e Rexionais, composto por dúas cámaras, unha para as autoridades locais e outra para as autoridades rexionais e unha Secretaría Xeral, representada por un secretario que dirixe e coordina as actividades da organización. No Consello de Europa intégrase o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos, órgano xudicial encargado de todos os procesos xurídicos desde a admisión á sentenza final. O signo distintivo do Consello de Europa é o logotipo, adoptado en 1999, e comparte coa Unión Europea a emblemática bandeira formada por doce estrelas douradas sobre fondo azul e o himno europeo, o preludio do Himno á alegría, da 9ª Sinfonía de Beethoven.