Data de emisión: 10 febreiro 2009

ARQUEOLOGÍA

CONSULTAR TARIFAS

ARQUEOLOGÍA

HISTORIA

Inclúense na serie Arqueoloxía dous selos que reproducen mosaicos, un da Casa do Mitreo de Mérida e outro pertencente ao Parque Arqueolóxico de Carranque de Toledo. Ilústrase o selo da Casa do Mitreo cun fragmento de mosaico que reproduce o rostro de Oriens, representación do Sol, mentres que o de Carranque mostra o rostro Oceanus que representa a Océano.

Na Casa do Mitreo de Mérida, edificación datada a finais do século I ou principio do II d. C., nunha das súas estancias, localízase un mosaico cosmolóxico, quizais un dos mellores do mundo romano. Este mosaico representa a concepción filosófica do mundo e das forzas da natureza que o rexen xunto con algunha actividade humana. A súa composición estrutúrase en tres partes que representan o ceo, a terra e o mar. Na parte superior, que está rematada por un semicírculo, encóntranse as figuras de Saeculum, Caelum, Chaos, Polum, Tronitum, Ocassus e Oriens. É a imaxe deste último a que mostra o selo. Oriens é o Sol que aparece no mosaico coa súa cuadriga de cabalos brancos. Representa un mozo cuxa cabeza se ve coroada con raios formados con teselas douradas.

No xacemento romano de Carranque (Toledo) foi descuberta en 1983 a hoxe denominada vila de Materno, unha mansión de finais do século IV d. C. entre cuxos restos se localizan unha serie de mosaicos ben conservados e de gran calidade. No corredor principal da vila hai un espectacular mosaico dedicado a Oceanus ou a Océano. É, precisamente, a imaxe do rostro deste, a que aparece reproducida no selo mostrando a cara dun Oceanus barbudo. O mosaico reproduce tamén no seu contorno varias especies mariñas.