Data de emisión: 14 setembro 2009

BAILES Y DANZAS POPULARES

CONSULTAR TARIFAS

BAILES Y DANZAS POPULARES

HISTORIA

Os selos dedicados ao Candil e ás Seguidillas, da serie Bailes e Danzas Populares, reproducen distintos pasos de baile interpretados por danzantes ataviados cos traxes típicos e tocados con sombreiros ou panos segundo a modalidade de danza.

O baile do Candil toma o nome das festas celebradas á luz das lámpadas de aceite ou candís utilizados cando a electricidade aínda non aparecera. É típico de Estremadura inda que destaca especialmente pola súa popularidade na localidade de Olivenza (Badaxoz). Atribúeselle orixe portuguesa e interprétase por un grupo de bailaríns que van formando unha roda mentres seguen un ritmo progresivo que finaliza de xeito moi vivo con alegres taconeos e acompañamento de palmas de todos os presentes. A finalidade das festas e veladas era a de establecer relacións entre os mozos e a forma máis usual de solicitar o baile a unha muller era pedíndolle “por favor”. Se un terceiro quería entrar a bailar debía dirixirse ao bailador do momento, non á muller. O baile terminaba cun abrazo ritual, no que o home coloca os brazos sobre os ombros da bailadora nun xesto moderado; se o abrazo era máis efusivo podía ser amoestado. Como é habitual noutros bailes, o Candil acompáñase con coplas cantadas nas que se expresan sentimentos de galantería e de amor entre os mozos ou ben contidos picarescos e humorísticos. A muller pode responder a estes piropos con outra copla na que expresa a súa aceptación o rexeitamento.

A palabra Seguidillas designa á vez unha composición métrica e un baile popular que, en opinión dos expertos, é o máis característico de España. A súa orixe dispútana varias comunidades, pero comunmente acéptase A Mancha como lugar de procedencia e de expansión por todo o país. Musicalmente acompáñase con guitarras, bandurras, laúdes, castañolas e outros instrumentos, en compás de ¾ e estrofas de catro versos de contidos moi variados, que abarcan desde temas amorosos a refráns e chanzas. No baile distínguese unha introdución musical, que dá inicio á danza, o retrouso e a copla de nove compases, coa parte máis graciosa e interesante do baile, o ben parao, que significa quedarse na postura na que os sorprendera a última nota. Entre a variedade de seguidillas existentes pódense citar, ademais das manchegas, as sevillanas, boleras, murcianas, chambergas e as gitanas ou seguirillas, máis lentas e de aire moi flamenco.