Data de emisión: 27 abril 2009

BAILES Y DANZAS POPULARES

CONSULTAR TARIFAS

BAILES Y DANZAS POPULARES

HISTORIA

A serie titulada Bailes e danzas populares difunde o patrimonio cultural e folclórico español cos selos dedicados á Isa e ás Sevillanas.

A Sevillanas, orixinarias de Sevilla, é o máis popular dos cantes e bailes de Andalucía, onde tamén son moi coñecidos o Olé gaditano de Cádiz, o Jaleo de Jerez; a Rondeña de Ronda; a Malagueña de Málaga e a Granadina de Granada. Enmárcase no baile de palillos ou castañolas e ten a súa orixe nas antigas seguidillas castellanas, que co paso do tempo evolucionaron e tomaron un aire aflamencado. As sevillanas adóitanse bailar por parellas e nelas diferéncianse catro movementos: paseíllos, pasadas, careos e remates, en compás de 3 por 4. Existe unha gran variedade de sevillanas, sendo as máis coñecidas as boleras, rocieras, corraleras e bíblicas que toman o nome dependendo do tema que traten no cante ou das circunstancias ambientais. Acompáñanse con música de guitarra, as palmas que fan os palmeiros e as castañolas ou palillos, como se coñecen popularmente en Andalucía. A súa fama estendese por todo o país, bailándose nas feiras, festas e salas de baile, pero de forma especial durante a Feira de Sevilla e a romaría de El Rocío. A partir da década dos anos sesenta deuse un xiro ás sevillanas, coa aparición de novos intérpretes, novos temas e novos aires musicais, que seguen respectando a esencia orixinal e os movementos airosos de brazos e pernas.

Na música e bailes canarios mestúranse as raíces ibéricas e as aborixes, dando lugar a ritmos alegres como a Isa, o Serinoque, o Tajaraste, as Folías, Seguidillas e Tanguillos. Se ben todos son coñecidos, o máis identificador dos bailes canarios é a Isa, cuxa orixe procede das xotas peninsulares pero cun ritmo máis tranquilo e cadencioso. Consta dunha parte instrumental -tocada con guitarras, bandurras, laúdes e o típico tiple canario- e outra cantada con coplas e retrousos. O baile realízase en grupo, coas parellas collidas da man e en círculo, dirixido pola voz dun capitán. Comeza con movementos sinxelos que van dando paso a figuras complexas que esixe gran destreza e ritmo. Nun momento a música párase e empezan as complicadas voltas e revoltas seguidas de novo pola roda da danza co seu ritmo inalterable. Ao tratarse dun xénero que admite improvisacións nos ritmos e melodías, existe unha gran variedade de estilos nas distintas illas, cunha coreografía propia para cada unha.