Data de emisión: 12 xaneiro 2009

CIENCIA

CONSULTAR TARIFAS

CIENCIA

HISTORIA

A serie titulada Ciencia, coa que se recordan algunhas disciplinas que ao longo da historia conduciron á evolución e desenvolvemento da humanidade, inclúe dous selos autoadhesivos dedicados á Botánica e á Xenética.

A Botánica ou Fitoloxía é a ciencia que ten por obxecto o estudo das plantas. Durante moito tempo serviu para a descrición, clasificación e uso das especies vexetais. Foi Teofrasto (S. III a. C.) quen escribiu as dúas primeiras obras consideradas como a orixe da ciencia botánica e as máis importantes de toda a Antigüidade e a Idade Media. No século XVI, os grandes exploradores trouxeron a Europa numerosas especies novas que deron lugar á publicación dos tratados e catálogos de Andrea Célaspin e de Gaspar Bauhin, que recollían unhas 6.000 especies vexetais clasificadas en grupos naturais. Nos séculos posteriores realizáronse novos descubrimentos sobre a Anatomía e a Fisioloxía dos vexetais ata chegar ao complexo fenómeno da fotosíntese. A Botánica divídese en ciencias especializadas como a Anatomía Vexetal, a Citoloxía Vexetal, a Fisioloxía Vexetal e a Fitopatoloxía, entre outras subdivisións. A Botánica tamén se aplica á Farmacia e moitos dos medicamentos derivan de sustancias de orixe vexetal, así, a aspirina obtíñase da casca do salgueiro e materiais como o algodón, o liño e o papel proceden do reino vexetal.

A Xenética é unha rama da Bioloxía que estuda as leis da herdanza, a forma na que os trazos e as características se transmiten de pais a fillos. Os xenes fórmanse de segmentos de ADN, a molécula que codifica a información xenética nas células. As primeiras investigacións xenéticas foron realizadas por Gregor Mendel en 1865 (leis de Mendel). En 1990 fundouse o Proxecto Xenoma Humano, que estuda a secuencia completa de ADN dun ser humano, completándose con éxito no ano 2003. Os científicos descubriron moitos xenes que cumpren funcións importantes nas enfermidades humanas, de forma que identificar os xenes que causan as enfermidades pode ser un paso importante para o desenvolvemento de tratamentos científicos. A investigación sobre a nosa constitución xenética permitirá desenvolver un método individualizado de Medicina Preventiva.