Data de emisión: 07 maio 2009

EFEMÉRIDES

CONSULTAR TARIFAS

EFEMÉRIDES

HISTORIA

Consta a emisión de Efemérides de dous selos cos que se conmemora o IX centenario da morte do rei Afonso VI de León e Castela e o IX centenario do falecemento de Santo Domingo de la Calzada.

O primeiro reproduce a imaxe do monarca pertencente a unha miniatura que aparece no Tumbo A (século XII), do arquivo da Catedral de Santiago de Compostela, e o segundo representa a letra capital U do pergameo, datado en Avignon, o 22 de xuño de 1362, polo que se lles concede indulxencia aos fieis que axuden a construír a capela sepulcral de Santo Domingo de la Calzada. Esta é unha das primeiras representacións que se conservan do santo que no selo aparece representado como sacerdote portando a pértega de arquitecto e acompañado de escravos liberados orando tras el. Este pergameo, cuxos textos están escritos en latín, consérvase no arquivo da Catedral de Santo Domingo de la Calzada. Afonso VI de León e Castela, coñecido como Afonso O Bravo, foi tamén rei de Galicia. Fillo de Fernando I de Castela e de Sancha de León, á morte desta houbo de enfrontarse cos desexos expansionistas do seu irmán Sancho, quen perdeu a súa vida nas mans de Vellido Dolfos no cerco de Zamora. Morto Sancho e encarcerado o seu irmán García no castelo de Luna, Afonso consolídase no trono castelán-leonés e ademais de Galicia anexiónase os territorios de Araba, Biscaia, Guipúscoa e La Bureba, adoptando en 1077 o título de emperador. Recuperou Toledo, sede lexítima do imperio hispánico en 1085 e a cidade onde faleceu en 1109, aínda que foi soterrado no mosteiro de Sahagún. Afonso VI fomentou a seguridade do Camiño de Santiago e impulsou a introdución da reforma cluniacense.

Domingo García, coñecido como Santo Domingo de la Calzada, naceu en 1019 en Viloria de Rioja, provincia de Burgos. Colaborador de Gregorio, bispo de Ostia, chegado a Calahorra, xuntos construíron unha ponte sobre o río Oja e logo unha calzada, de aí a súa denominación, para facilitar o tránsito de peregrinos a Santiago. O seu labor foi recoñecido por Afonso VI quen, tras visitalo, nomeouno responsable das obras viarias do Camiño de Santiago. Santo Domingo protagonizou varios milagres, antes e despois da súa morte en 1109, no lugar que leva o seu nome na Rioxa.