Data de emisión: 20 febreiro 2009

ENERGÍAS RENOVABLES

CONSULTAR TARIFAS

ENERGÍAS RENOVABLES

HISTORIA

Utilizadas desde tempos remotos, as Enerxías renovables obtéñense de fontes naturais practicamente inesgotables, como o sol, a auga e o vento. Desde hai tres décadas, aproximadamente, son consideradas como unha alternativa ás enerxías tradicionais, tanto pola súa dispoñibilidade permanente como polo seu menor impacto ambiental, o que propiciou un forte impulso mundial para fomentar o seu desenvolvemento. A emisión filatélica dedícase a catro das enerxías non contaminantes máis significativas: hidráulica, eólica, solar e xeotérmica.

A enerxía hidráulica ten a súa orixe no movemento xerado pola forza da auga e obtense do aproveitamento das correntes dos ríos, saltos de auga e mareas. Durante séculos utilizouse para mover os muíños de auga e actualmente o seu maior aproveitamento radica nas centrais hidroeléctricas, converténdose na enerxía renovable de maior consumo.

A enerxía eólica obtense do movemento xerado pola forza do vento. Desde a antigüidade foi aproveitada para impulsar a navegación a vela e para accionar as aspas dos muíños de vento constituíndo, na actualidade, un dos sistemas enerxéticos en maior expansión. Para transformar a enerxía eólica en eléctrica empréganse os aeroxeradores, agrupados en conxuntos chamados “parques eólicos”.

A enerxía producida polo Sol, enerxía solar, é unha das enerxías alternativas, limpas e renovables coñecida como enerxía verde. O proceso consiste en recoller as radiacións solares por medio de paneis solares para transformalas en enerxía térmica ou eléctrica. Este sistema enerxético é moi útil en lugares illados aos que non chega a electricidade. En Europa, os países con maior produción son Grecia, Alemaña, Austria e España.

A enerxía xeotérmica obtense polo aproveitamento da calor interior da Terra. Esta enerxía maniféstase en forma de vapor natural ou auga quente mesturada con sustancias químicas que xorden a presión en mananciais quentes ou fumarolas. A auga quente ou o vapor poden xurdir de forma natural ou por técnicas de sondaxe. Islandia é o país europeo con maior produción de enerxía xeotérmica.