Data de emisión: 15 abril 2009

FAROS 2009

CONSULTAR TARIFAS

FAROS 2009

HISTORIA

Correos dedica seis selos en formato miniprego á emisión de Faros, correspondente a 2009. As imaxes dos selos reproducen torres-faro e edificios como o de Porto Colom na illa de Mallorca; o de La Higuera en Huelva; o de Igueldo en Guipúscoa; o de Arinaga en Gran Canaria; a Torre de Hércules na Coruña e o de Torrox en Málaga.

O faro de Porto Colom, situado na costa este de Mallorca, é unha torre branca con bandas negras. O seu plano focal ten unha altura de 42 m e de soporte 25 m. O seu alcance nominal nocturno é de 10 millas náuticas, a súa luz é branca e encóntrase en servizo. Pertence este faro á rede litoral da Autoridade Portuaria de Illes Balears. O faro de La Higuera está situado en Matalascañas, provincia de Huelva, a cuxa Autoridade Portuaria pertence. O seu edificio é un prisma triangular branco e con cúpula. A altura do plano focal é de 47 m e de soporte 24 m. Continúa en servizo, a súa luz é branca e ten un alcance nominal de 20 mn. O faro de Igueldo, fundado en 1855, é un dos referentes de San Sebastián. Pertence á Autoridade Portuaria de Pasaia e consta dunha torre cilíndrica branca con casa. Está en servizo e ten un plano focal de 134 m e 13 m de soporte. A súa luz é branca e o seu alcance nominal é de 26 mn. O faro de Punta Arinaga baliza a costa este da illa de Gran Canaria e depende da Autoridade Portuaria das Palmas. Está situado na montaña de Arinaga. O seu edificio é unha torre cilíndrica branca con bandas vermellas. A cor da súa luz é branca-vermella e está en servizo. A altura do plano focal é de 47 m e 13 m de soporte. O faro da Torre de Hércules foi construído como tal polos romanos no século I d.C., pertence á Autoridade Portuaria da Coruña e consta dunha torre cuadrangular de cantería tope octogonal. O seu plano focal é de 106 m e 49 de soporte. Está en servizo, a súa luz é branca e ten un alcance nocturno de 23 millas náuticas. O faro de Torrox está neste termo municipal. Foi construído en 1864 e depende da Autoridade Portuaria de Málaga. A súa altura de plano focal é de 29 m e 23 m de soporte. A súa edificación é unha torre cilíndrica sobre unha casa pintada de branco e continúa en servizo. A súa luz é tamén branca e o seu alcance é de 20 mn.