Data de emisión: 06 maio 2010

1100 aniversario de la Fundación del Reino de León

CONSULTAR TARIFAS

1100 aniversario de la Fundación del Reino de León

HISTORIA

Con motivo de conmemorarse neste ano o 1100 aniversario da Fundación do Reino de León, dentro da serie dedicada a Efemérides, emítese unha folla bloque que se ilustra cun mapa da Península Ibérica do ano 910, do que en distinta cor se sinalan os límites e territorio que daquela ocupaba e posuía o Reino de León. Anteposto ao dito mapa aparece un selo imitando a forma do estandarte da Coroa de León que reproduce a imaxe dun león pasante.

O Reino de León foi fundado polo rei García I, fillo de Afonso III, o Magno, no ano 910, aínda que Afonso X o Sabio, na súa Primera Crónica General de España deixou escrito «et escomiença con Pelayo que fue el primero rey de León». Ao recorrer ás fontes históricas e documentais veremos que cada época impón a súa propia sabia perspectiva. Para o século XIII, cando se redacta a Crónica General, o Reino de León nacera con Pelaio, é dicir alá polo 718 e é que, segundo a versión do acreditado historiador Puyol y Alonso, o reino asturleonés era un contínuum sen ruptura institucional ningunha polo traslado da corte dun lado ao outro das montañas. O que non deixa dúbida ningunha é que ao morrer Afonso III o Magno, o Reino de Asturias é repartido entre os seus fillos García, Ordoño e Fruela. Así, o primoxénito García, reservouse as rexións de nova colonización, é dicir, a meseta castelá-leonesa e Álava, mentres que a Ordoño II lle correspondeu Galicia e a Fruela, Asturias. Ao morrer García, no ano 914 e sen descendencia, o seu irmán Ordoño II trasládase a León onde é aclamado rei por unha asemblea de magnates e prelados. A este, desde a súa morte no 924, sucedérono Fruela (924-925), Afonso Fróilaz (925), Afonso IV (925-931), Ramiro II (931-951), Ordoño III (951-956), Sancho I (956-958 e 960-966), Ordoño IV (958-960), Ramiro III (966-984), Vermudo II (984-999), Afonso V (999-1028), Vermudo III (1028-1037). Con Fernando I (1037-1065), rei de Castela, prodúcese a primeira unión con León. Séguenlle a este, Afonso VI (1065-1109) e Urraca I (1109-1126). Por último, acceden ao reinado membros da Casa de Borgoña como Afonso VII (1126-1157), Fernando II (1157-1188) e Afonso IX (1188-1230), baixo cuxo mandato se convocaron as Cortes Leonesas de 1188, primeiras Cortes democráticas que tiveron lugar no claustro de San Isidoro de León.