Data de emisión: 13 maio 2010

AÑO SANTO COMPOSTELANO. XACOBEO 2010

CONSULTAR TARIFAS

AÑO SANTO COMPOSTELANO. XACOBEO 2010

HISTORIA

Conmemórase a celebración do Ano Santo Compostelán ou Ano Santo Xacobeo coa emisión do selo que reproduce a silueta dun peregrino fronte á emblemática catedral de Santiago de Compostela.

O Ano Santo Compostelán estableceuse no século XII e ten lugar cada vez que o 25 de xullo, festividade de Santiago Apóstolo, coincide en domingo. O culto ao Santo xorde tras estenderse a noticia de que fora atopado o sepulcro do apóstolo na pequena necrópole romana de Campo Stellae. Alí constrúese unha igrexa e establécese como lugar de peregrinación para lograr o perdón e a salvación eterna. Santiago de Compostela, ao igual que Roma e Xerusalén, é un dos lugares santos máis importantes da cristiandade.

Durante a Idade Media, o Camiño de Santiago foi transmisor de cultura ao ser transitado por peregrinos procedentes de toda Europa que trouxeron novos estilos arquitectónicos, artesanais e culturais. Ao longo do trazado creáronse cidades e vilas con hospitais, mosteiros, igrexas e pousadas, nas que se daba refuxio aos peregrinos, tratamento aos enfermos e algo de comida para seguir o camiño. A partir do século XIV a ruta xacobea caeu no esquecemento, sendo moi poucos os peregrinos que nos séculos posteriores se aventuraron a chegar ata a cidade do apóstolo.

A catedral de Santiago de Compostela, de estilo románico e planta de cruz latina, comezou a construírse en 1075 sobre os restos da basílica anterior e finalizouse no século XII, inda que pasou por varias reformas posteriores. No seu interior encóntrase o camarín coa imaxe do apóstolo recuberta en prata e pedras semipreciosas que, segundo a tradición, todo peregrino debe abrazar ou tocar cando chega alí.

Pola súa riqueza cultural e artística, o Camiño de Santiago foi declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco, Itinerario Cultural Europeo polo Consello de Europa e recibiu o título honorífico de Rúa Maior de Europa. Desde o Xacobeo 93, o itinerario potenciouse como un recurso turístico, restaurando as rutas, habilitando os albergues e sinalizando o camiño que, todos os anos, miles de peregrinos, vidos de todo o mundo, percorren ata chegar ao destino final.