Data de emisión: 23 abril 2010

DEPORTES. LEVANTE U.D.

CONSULTAR TARIFAS

DEPORTES. LEVANTE U.D.

HISTORIA

Ao cumprirse o centenario da fundación do club deportivo Levante U.D. ponse en circulación un selo conmemorativo da serie Deportes.

Era setembro de 1909 cando se fundou en Valencia a Federación Rexional de Clubs de Football, coincidindo coa fundación do Fútbol Club Levante e o Real Gimnástico Club de Fútbol. Ambos os equipos participaron nos torneos da época logrando algúns dos grandes triunfos rexionais. Así, o F.C. Levante conseguiu, na temporada 1934/35, o título de Campión do Torneo Súper Rexional Valencia-Murcia e quedou clasificado para as semifinais da Copa de España. Tras a Guerra Civil e a volta aos encontros deportivos, os dous equipos decidiron fusionarse e, na temporada 1941/42, pasaron a chamarse Levante Unión Deportiva, adoptando as cores azul e granate para o uniforme.

A traxectoria deportiva do Levante U.D. está cargada de bos e malos momentos, como o ascenso a primeira división na temporada 1962/63, o pase por categorías inferiores e os novos ascensos anos máis tarde. Se ben a maior parte do seu historial deportivo permaneceu en segunda división, o esforzo e o espírito competitivo acompañan sempre ao equipo que, ao longo de cen anos de existencia, loitou por conseguir os maiores logros.

O Levante U.D. tivo como estadio primitivo o histórico campo do Vallejo, ata que en setembro de 1969 se inaugurou o actual Estadi Ciutat de Valencia. O club conta coa Cidade Deportiva de Buñol para o exercicio e adestramento dos xogadores do primeiro equipo e dos deportistas que forman a escola de fútbol base.

No selo reprodúcense as cores do equipo, o escudo e o logotipo creado para a conmemoración do centenario: 1909-2009