Data de emisión: 01 marzo 2010

EFEMÉRIDES

CONSULTAR TARIFAS

EFEMÉRIDES

HISTORIA

Con este selo da serie Efemérides conmemórase o Bicentenario das Cortes Constituíntes de 1810, que darían unha nova orientación política á historia de España.

En San Fernando, (Cádiz), daquela chamada Villa de la Real Isla de León, tivo lugar, o 24 de setembro de 1810, a reunión das primeiras Cortes Xerais e Extraordinarias da historia de España. Este feito sentou as bases dun Estado democrático e de dereito que poñía fin ao Antigo Réxime e daba paso a un novo sistema de organización política. Por primeira vez establecíase a soberanía nacional, a división de poderes, a inviolabilidade dos deputados, a igualdade de dereitos entre os españois da península e os de ultramar, a liberdade de imprenta e a necesidade de elaborar unha constitución, que vería a luz en 1812. As Cortes de La Isla de León significaron o triunfo do diálogo entre as distintas ideas políticas e a necesidade de crear unha nova orde social.



A reunión das Cortes en San Fernando debeuse a que, durante a Guerra da Independencia, era o único territorio de España non ocupado polas tropas francesas. Alí acudiron máis dun centenar de deputados procedentes de toda España e dos territorios de América e Filipinas que xuraron, na Igrexa Maior, a defensa da relixión católica, a integridade de España e a liberación dos seus opresores; conservar como rei a Fernando VII e aos seus sucesores, e desempeñar fielmente o cargo para o que foran nomeados. Pronto apareceron distintas tendencias, como os reformistas ou liberais que defendían os principios da Revolución Francesa; os absolutistas, partidarios do regreso do monarca (Fernando VII) e do reinado absoluto, aos que se lles chamou servís; e o grupo dos americanos, preocupados polo futuro das súas patrias.

As Cortes instaláronse no Teatro de La Isla de León desde o 24 de setembro de 1810 ata o 20 de febreiro de 1811, que se trasladaron a Cádiz, onde se promulgou a Constitución de 1812. Este primeiro texto constitucional, símbolo do liberalismo, foi abolido polo Decreto do 4 de maio de 1814 polo rei Fernando VII. Pola súa resistencia ao asedio francés, La Isla de León recibiu o título de cidade e cambiou o seu nome polo de San Fernando.