Data de emisión: 21 abril 2010

EXPO SHANGHAI

CONSULTAR TARIFAS

EXPO SHANGHAI

HISTORIA

O 1 de maio dará comezo en Shanghai, capital económica de China, a Exposición Universal Shanghai 2010, un dos máis importantes acontecementos realizados na historia do país asiático. A mostra durará seis meses e ocupará 525 hectáreas no distrito de Pudong, nas ribeiras do río Huangpu. Esta exposición universal xorde co lema “Mellor cidade, mellor vida”. Con isto se pretende ofrecer solucións aos retos que presentan as grandes megalópoles e ao imparable crecemento urbano do século XXI, ao que xa se denomina o século das cidades.

Shanghai, con cerca de 20 millóns de habitantes, é o centro financeiro, económico e industrial de China, país que coa Expo 2010 dará un paso máis para afianzar a súa presenza na escena internacional. A cidade de Shanghai é o exemplo típico dun fenómeno global: o movemento masivo e sen precedentes do campo á cidade. Este éxodo rural vese acompañado de retos ambientais, sociais e económicos que cómpre afrontar de forma inaprazable. Con esta exposición universal preténdese debater, intercambiar ideas e reflexionar sobre estes desafíos.

España estará presente en Shanghai cun pavillón duns 7.000 m2, cuxo proxecto se debe ao estudio de arquitectura Miralles-Tagliabue. O dito pavillón contará con espazos temáticos dedicados a dar a coñecer diversos aspectos da realidade española (economía, arte, cultura, historia e deporte). O percorrido expositivo está estruturado en tres ámbitos: Da natureza á cidade, Da cidade dos nosos pais á actual e Da cidade actual á dos nosos fillos. Mediante estes tres aspectos preténdese transmitir unha imaxe moderna de España e das súas cidades e potenciar o coñecemento do noso país en China. Tamén haberá un pavillón de Madrid que será unha réplica da Casa de Bambú, un singular edificio de Carabanchel. De igual xeito, cidades como Barcelona e Bilbao, terán presenza na Expo 2010 xa sexa polos seus innovadores proxectos de rehabilitación e conservación de zonas históricos, antigas zonas industriais, ou pola modernización da antiga estrutura urbana.

A folla bloque reproduce edificios e monumentos emblemáticos das cidades españolas representadas en Shanghai 2010, ademais dunha imaxe do Pavillón de España e do de Madrid.