Data de emisión: 05 outubro 2010

INSTRUMENTOS MUSICALES. Bombardino

CONSULTAR TARIFAS

INSTRUMENTOS MUSICALES. Bombardino

HISTORIA

A serie dedicada a Instrumentos musicais, que Correos vén emitindo, complétase cun novo selo que reproduce a imaxe dun bombardino, peza do século XX, tamén pertencente á colección do Museo Interactivo da Música de Málaga, procedente dunha cesión.

O bombardino é un instrumento de vento metal, pertencente á familia dos aerófonos. Consiste esta peza nun tubo de metal cónico, que se ensancha paulatinamente desde a boquilla ata a campá. Está provisto de tres pistóns ou cilindros, cuxa finalidade é alongar o tubo ao poñerse en comunicación con outros tubos suplementarios, facendo descender os sons. Outros elementos ou partes que integran o bombardino son: campá, bomba xeral, bombas de cada pistón, soporte para atriliño, chave de desaugadoiro, cuberta dos pistóns, botóns de pistóns, tudel e boquilla. Este instrumento está construído en latón, unha aliaxe de cobre e cinc e, dependendo das proporcións da mestura de metais, canto máis cinc teña o son do instrumento será máis brillante. Pola contra, canto máis cobre leve o son será máis doce.

O son do bombardino prodúcese por unha vibración dos labios na boquilla. A dita vibración dos labios conséguese por unha columna de aire. Por isto este instrumento clasifícase dentro da familia dos aerófonos.

O bombardino, un dos instrumentos menos populares en Occidente, crese que foi inventado por Carl Moritz en 1838, aínda que tamén se lle atribúe a Ferdinand Sommer e a Adolphe Sax, en 1843. É un instrumento de banda, frecuentado como solista e, igualmente, utilizado por grupos de jazz. Está construído en Si bemol de concerto. É dicir, ao non pulsar ningún pistón, o instrumento producirá parciais da serie de harmónicos de Si bemol.