Data de emisión: 12 xullo 2010

PATRIMONIO NACIONAL. Tapiz Zenobia y el emperador Aureliano (Siglo XVII)

CONSULTAR TARIFAS

PATRIMONIO NACIONAL. Tapiz Zenobia y el emperador Aureliano (Siglo XVII)

HISTORIA

O tapiz titulado Zenobia e o emperador Aureliano é unha peza realizada no século XVII na que se aprecia como Zenobia presenta as chaves da cidade ao emperador Aureliano que monta a cabalo e é coroado por unha vitoria. O tapiz está decorado no seu contorno por unha greca repleta de grilandas, froitas, anxiños e outros elementos florais e vexetais. Na parte superior, xusto no centro, figura unha cartela coa inscrición: Tyana ne foret / periurus iubet cives mactare / canes. Este pano, que foi elaborado en seda e la en Bruxelas e é manufactura de Gerardo Peemans (arredor de 1660), pertence ás coleccións do Patrimonio Nacional e está instalado no Palacio Real de Madrid.

Esta peza, reproducida no selo e folla bloque, está incluída na serie denominada Historia da Gran Zenobia e o emperador Aureliano. Teceuse segundo os cartóns de Justus van Egmont, pintor nacido en Leiden, en 1601 e morto en Anveres, en 1674. No Museo Real de Arte e Historia de Bruxelas hai unha serie de tapices recreada na historia de Zenobia que reproducen cartóns de Justus van Egmont e que tamén foron tecidos na manufactura de Gerardo Peemans. O pintor Van Egmont inspirouse na obra literaria de Jean Tristan de Saint-Amant Commentaires historiques contenant l´histoire générale des Empereurs, Impératrices, Césars et Tyrans de l’Empire Romain, publicada no ano 1644.

A protagonista do tapiz é Julia Aurelia, máis tarde Septimia Zenobia, que foi a esposa de Septimio Odenato de Palmira, polo que, ao morrer este, se erixiu en raíña de Palmira e, debido á súa política expansionista, enfrontouse a Roma e foi derrotada en Antioquía no ano 272 e capturada polo emperador Aureliano. Zenobia, desde a Idade Media, ten reputación de muller dunha categoría excepcional. De aí que a soberana oriental se vira frecuentemente representada, tanto en tapices como en pinturas, a través dos séculos.